Pedro J. Peón Estévez
A penha dos sen boina
HOXE decateime que, desde que fun concebido, pertenzo a un colectivo que conta os asociados por milhóns: a Penha dos Sen Boina.
Para ser desta confraría non precisas rechear ningún cuestionario nin solicitude, nin ter carné de nada, nin ser "filho de", nin ter ningún tipo de mérito. Abonda con vir ó mundo, en coiro, como calquera filho de Homo Sápiens parido por amantísima nai. É inevitable: todos somos "sen boina" de nacencia.
En certa ocasión, saltou un sorprendente acontecemento aló pola Patagonia. Polo visto nacera unha nena con boina. Fora unha falsa alarma; a tal gorra non era máis que un anaco de placenta. A pequena era unha "sen boina" coma toda filha de vecinho; como todo o mundo sen distinción de sexo, raza ou condición. Os "sen boina" constituímos o grupo humano máis universal, numeroso e democrático que existe neste planeta desde o Big Bang para acá.
Pero…que é unha Boina e que outras acepcións, coloquiais ou non, ten o curioso termo ?
Segundo un diccionario pilhado ó chou, boina é unha "gorra de pano sen viseira, redonda e aplanada…etc."Ben, iso de aplanada…o meu tío Angelito foi emigrado a México e volveu ó cabo de trinta anos coa mesma gorra calada a presión ata as orellas e de plana, nada. Máis ben parecía unha landra, con rabicho e todo. Pero hai moitos tipos de boinas…vexamos.
A famosa txapela vasca. A Elósegui de 15" (case 40 cm. de diámetro), traspirable, hidrófuga, plegable…É unha boina pero tamanho familiar; unha senhora gorra para aforrar paraugas. Comasí, é máis grande a nosa Chapela, aínda que non é unha gorra, é unha parroquia de Redondela preto de Vigo onde se atopa a sé do faro de Vigo, decano da prensa espanhola. Non estou nada posto en etimoloxía pero a min Chapela-Redondela lémbrame a boina basca, que queres… A clásica gorra galega, basca, francesa ou calquera outra pódese atopar en calquera país do planeta. Soe serde lá, moura, preta, cun picho no alto; picho que é o primeiro que che arrincan os amigos e conhecidos. É o que se chama "capar a gorra".
Agora ben; se vostede quere ser un boineiro de pro, non ten máis que mercar unha boina dentro da ampla gama que existe, chantala na testa ( non se ocupe de capala; haberá centos de voluntarios que o fagan nada máis sair á rúa ) e vaia de gorra pola vida. Gorreiros famosos son os sanfermineiros, falanxistas, parisinos (con ou sen baguette) requetés ou carlistas. Houbo moitos boineiros famosos ó longo da historia, a listaxe sería interminable. Lembro uns que se autodenominaban "boinas verdes" e fixéronas calhadas no Vietnam. Pero sempre seremos moitos máis os "sen boina", onde vai a parar !
Ben, ata aquí as lideiras dun "sen boina" que non aspira a ter local no edificio azul de Bieito Corbal, dado que somos milhóns e que a xunta non está polo labor. Por veces ponho unha pucha pois, entre esta friaxe que se levantou e o pouco pelo que tenho, arrefríaseme a testa. Non a ponho para aquecer as ideas. Diso xa se encargan os gurús da dereitona estes días desde os seus diferentes púlpitos quen, por certo; SEMPRE VIVIRON "DE GORRA".