Manuel Pérez Lourido
Políticos, filmes e libros
Hai uns días díxome un amigo que en Ferraz están a asistir, de xeito regrado e con asistencia obrigatoria, a pases diarios de "Apocalipse now" de Coppola. Non llo creo moito, e tampouco é tan amigo, vaia. O tipo tamén me contou que Díaz Ayuso ten na mesiña de noite "Crítica da razón pura" de Kant. E iso si que non. Se me di que Miguel Ángel Rodríguez regaloulle "O príncipe" de Maquiavelo e está atrancada na segunda páxina, vale.
Corren rumores de que Puigdemont xa viu, dunha tacada: "Benvido, Mr. Marshall" de Berlanga, "Dor e gloria" de Almodóvar, "O terceiro home" de Carol Reed e "A danza dos vampiros" de Polanski. Para min que as escolle polo título.
Feijoo, que é máis de libros porque lle entreteñen máis no verán (e Feijoo e de verán, claramente), disque está con "A guerra do fin do mundo" de Vargas Llosa e "Os últimos días de Pompeia" de Edward Bulwer Lytton. Seica González Pons lle dixo que se deixara de tanta lectura e recomendoulle "2001: una odisea no espazo", de Kubrick, pero xa queda pouca xente que tome en serio a González Pons.
O que si que me ten intrigado son as voces que escoito dicindo que Yolanda Díaz, eternamente Yolanda, está obsesionada con "Asasinato no comité central" de Vázquez Montalbán e "Os gozos e as sombras" de Torrente Ballester. Non o teño claro. Non hai forma de ter as cousas claras se un se pon a escoitar á xente da política, como para sacar algo en limpo do que poidan ler ou deixar de ler, dos filmes que vexan ou os que deixen de ver.
Tamén disque na rúa Génova está de moda "Infamia" de Ledicia Costas, que o fixo rular Miguel Ángel Tellado despois de atopalo no maleteiro dun coche, que ten manía de revisalos todos.
A peli que lle ten roubado o siso á xentiña de Vox é "Psicose", de Hitchcock. Esa e "Frenesí": son moi de Hitchcock.
Irene Montero y Ione Belarra están leyendo "El jardín de los senderos que se bifurcan", de Italo Calvino, pero é que están lendo as dúas o mesmo exemplar: unha as páxinas pares e outra as impares. Supoño que despois pásanse unha á outra a información.
En todo caso, desconfíen dos murmurios da xente, dos amigos, inimigos e tanto che me ten: a xente que se dedica á política ten pouco tempo, entre tanta intriga e conspiración, para andar a ver películas e ler novelas.