Manuel Pérez Lourido
Paixón en Pasarón
Coa entrada no novo ano decidín abordar so asuntos de transcendental importancia para o futuro da humanidade. Exclusivamente. A prestixiosa web de arquitectura Archdaily seleccionou o estadio de fútbol de Pasarón como unha das cinco construcións deportivas finalistas para o premio Edificio do ano, Building of the year. Isto foi o que lin en PontevedraViva. Quedóuseme unha cara de incredulidade estilo Mariano Rajoy, que é master do universo en poñer cara de incredulidade (e de "eu non fun", e de "nin arre, nin xo"). O primeiro que pensa un ser ruín coma min, é que acaba de aparecer a orixe de parte dos subrecustos de Pasarón: seguro que cos donos desta web se fixo o mesmo que co Tulipán e as tostas.
Despois un acouga, medita, reflexiona, e alcanza xa un improbable grao de sabedoría sobre o asunto. As ideas pululan polo maxín coma polos sen cabeza:
Cobrarlle un suplemento dobre nas entradas ao campo pola posibilidade de ollar semellante prodixio arquitectónico. Tripe se logramos acadar o premio.
Cobrarlle aos xogadores e corpo técnico dos equipos contrarios por xogar nun estadio que é un prodixio arquitectónico.
Cobrarlle ao equipo arbitral por facerse a foto oficial nun estadio que é un prodixio arquitectónico.
Poñer catro puntos de photo-call en sendos lugares do estadio para recadar fondos a cambio dunha foto dentro do prodixio arquitectónico.
Ofrecer un servizo de columbario no estadio para os afeccionados e socios que queiran pasar a eternidade dentro do prodixio arquitectónico. (Nota: preguntarlle ao Barsa como se fai tal cousa, e de paso asesorarse sobre como fichar barato).
Seguramente estas medidas recaudatorias acaben permitindo pagar os soldos a empregados e futbolistas no seu debido tempo, como corresponde a un equipo que dispón de semellante prodixio arquitectónico coma sede oficial.