Ramiro Espiño
Aparquemos diferenzas. O Pontevedra é o primeiro
Pode que algúns non compartan este comentario, pero creo é o momento de facelo. Vaia por diante dicir que o que expreso a continuación en ningún modo supón a renuncia a denunciar, a INFORMAR, así, con maiúsculas, sobre o que se fixo, o que se fai, ou o que se faga mal no futuro. Son moitas as cousas e aspectos a corrixir e mellorar para devolver ao Pontevedra o lugar e prestixio perdido.
Son moitos tamén os que aínda seguen poñendo paus nas rodas, antepoñendo o seu interese persoal ao dun club que, e o repito unha vez máis, é de todos, por enriba daqueles que sexan titulares das súas accións ou estean transitoriamente no seu consello de administración.
Pero fágoo porque creo que estamos nun momento deportivo crucial para a entidade granate. Un momento do que pode depender en boa medida non só o seu presente senón mesmo o seu futuro. Porque, malia o que algúns "iluminados" quixeron facernos crer, este club non é viable en terceira división. Números cantan, e unha perda próxima ao medio millón de euros nunha tempada, fala por si mesma.
Diso haberán de dar contas os seus responsables. Pero no seu momento. Dentro de apenas quince días. Agora falemos de fútbol. Porque á fin e ao cabo un club depende absolutamente da súa traxectoria deportiva para poder a través dela mellorar aspectos sociais e económicos.
Se se gañan partidos, se se xera ilusión, a afección estará co equipo. Volverá a Pasarón. E é o momento. Non vou dicir que agora todo se faga ben, non. Segue habendo moitas cousas, moitos aspectos, demasiadas frontes abertas e a corrixir. Pero tamén debo dicir que algo está a cambiar. Polo menos inténtase mellorar, inténtase volver integrar ao Pontevedra coa súa masa social, empézanse a tapar moitos buratos, máis ben "fochas", herdadas. E ese é un importante primeiro paso.
E é o momento, digo. ÿ o momento de aparcar diferenzas, de remar todos xuntos na mesma dirección. Porque o Pontevedra é e debe ser o primeiro. Queremos este Pontevedra, non un sucedáneo. Queremos o noso equipo, a nosa historia e creemos (moitos somos os que así pensamos) que paga a pena seguir loitando por el. Que non podemos deixalo morrer, porque un Pontevedra novo non sería "o noso" Pontevedra.
Claro que é difícil, pero a dificultades estamos máis que afeitos. E a sufrir tamén. Vai no xene do granate. Sufrimos, pero e o que gozamos?, na Puentecilla (os máis antigos), na etapa gloriosa do "Hai que roelo", en Eibar, Miranda de Ebro, Vitoria, Oviedo e tantos outros lugares. Toca erguerse e volver crer. ÿ difícil, pero posible. Posible só se contamos co apoio dunha afección que sempre estivo detrás dos seus.
Como agora. Chega un derby provincial. Dos de antes. Dos que enchían Pasarón e A Lomba. Dos que levantaban paixóns. Independentemente da categoría, un derby sempre é un derby, pero neste caso pode marcar as pautas para o futuro inmediato. O obxectivo está preto. O equipo, os xogadores e cadro técnico, cada un na medida das súas posibilidades, están a dar mostras no campo co seu esforzo de que merecen que se confíe neles. Pero necesitan o respaldo dunha afección que nunca fallou ás súas cores.
De Vilagarcía anúnciase a chegada dun bo número de afeccionados arlequinados. Como nos vellos tempos. Pasarón prepárase para rememorar partidos con calor e sabor. E a afección granate non debe, non vai faltar á cita.
Logo será tempo de pedir, de esixir o que corresponda a quen corresponda. Pero o domingo só é hora para o fútbol. Para respectar o rival e os seus seguidores, pero para animar sen descanso a un Pontevedra que necesita máis que nunca aos seus. Aparcando diferenzas.
ÿ posible. Facendo ben as cousas este Pontevedra pode e debe rexurdir. Doutras peores saímos, pero iso si, sempre co apoio incondicional dos seus, algo do que moitos, mesmo en categoría superior, non poden presumir.
Caemos moitas veces, pero levantámonos outras tantas. Esta non será a excepción. E para os que dubiden, recoméndolles boten unha ollada a este fermoso vídeo emitido pola desaparecida Localia TV Pontevedra.
Non. Non nos renderemos. Polo menos non sen loitar para volver vivir momentos inesquecibles. Enchamos Pasarón!.