Manuel Pérez Lourido
Insultos pola unidade
Abascal foi a Roma para saudar á ultradereitista Meloni porque sempre vai ben saír nunha foto cunha primeira ministra. De paso aproveitou para insultar a Pedro Sánchez unha vez máis: "corrupto" e "traidor", díxolle desta volta. Pero como non se lle chaman nomes a alguén sen un contexto, o líder de Vox elixiu como tal á polémica que causara el mesmo algúns días atrás cando, falando do líder socialista, comentou que "haberá un momento no que o pobo quererá colgalo polos pes". Isto foi o que lle ocorreu a Benito Mussolini despois de ter sido executado por partisanos. Abascal coñece moi ben esa historia porque Mussolini era un fascista e o non se lidera Vox sen coñecer a fondo o fascismo. Pois ben, o meritorio das palabras do dirixente español foi que, non só non se desculpou pola súa arroutada/reivindicación da iniciativa de expoñer boca abaixo aos políticos que non te gustan senón que desviou o foco que lle apuntaba para poñelo na suposta corrupción e na suposta traizón do presidente do goberno español. Unha reviravolta ben pensada. Antes tamén manifestara que o de colgalo polas pernas era unha frase coloquial. Isto lembra axiña á frase de Tellado (PP) tamén referida a Sánchez de que debería abandonar España no maleteiro dun automóbil, da que despois dixo que "era un chascarrillo". Moito se imitan as condutas dos xerarcas de Vox e do PP ultimamente. Imítanse tanto nos malos desexos cara Sánchez coma nas explicacións deses desexos, que queren facer pasar por parvadas sen mala intención ou algo así.
A estratexia deses dous partidos de dereitas está tamén clara: Pedro Sánchez é un malo malísimo ao que o de "felón!" xa lle queda pequeno e que prefire rachar España antes de abandonar a presidencia do goberno. Pode que teñan razón e o país se estea a rachar, de feito, eu ás veces escoito ruídos estraños no céspede que hai diante do meu edificio. Aínda que a ultima vez procedían dunhas obras no garaxe, que está debaixo. Por suposto, tanto PP coma Vox ofrécense voluntaria e gratuitamente como antídotos desa desfeita, debido a unha súa indómita vocación de pegamento do país que teñen coma vocación defender. E que só esquecen cando mandan axentes a mazar en xente pacífica que só poñen unha urnas de mentira nunha xornada de referendo inventada. ¿Esa é a idea que ten o PP do que é unir ao país, facelo a trompada limpa? Nunca España estivo máis unida que na época de Franco, que carallo!