Andrés Núñez Rajoy
Propósitos de ano novo
Vén un novo ano e o persoal comeza a facer propósitos que se queren realizar ou que se aspira. O máis común, polo menos entre os meus amigos e amigas é o perder peso, facer exercicio e comer san, sempre por esta orde, que debe ser como remordemento polos excesos dos xantares e cenas do Nadal. É o exercicio o máis visible de todos, non fai falla máis que poñerse a porta de calquera ximnasio e vemos que onde antes ían uns poucos agora van moreas, claro que si seguimos coa observación vemos como vai minguado pouco a pouco a presenza ata a normalización. Outro dos favoritos desta época é o aprender algo novo, nomeadamente o inglés, aquí a cousa xa é un pouco con trampa xa que son poucos os que van a academias e fíano todo a facer cursos "on line" (no ordenador, tableta ou móbil) e maiormente "free"(gratis), a constancia soe ser menor que no caso do ximnasio.
Despois destes aparecen máis propósito que van máis en función da idade que do propósito, así os máis novo fan propósitos laborais, de amizade ou de tempo libre. Cando se pasa xa algo dos trinta ata a metade do corenta entra na fase de ter fillos ou non. A partir dos cincuenta sempre é coidar a saúde, sendo este un concepto moi amplo que vai dende o facer deporte , bailar, socializar ata chegar decidirse ir na "ruta do colesterol". O peor de facer propósitos de ano novo é que, polo que eu vexo, ao pouco tempo deixan de cumprirse. Así o que desordenado só ordena o día que o propón, o que vai defender o medio ambiente acaba facendo a comprar en bolsas de plástico e os intentan relaxarse van a cen por hora. O único propósito que se mantén en toda a cidadanía é en intentar ser máis feliz.
Debo recoñecer que eu nunca fixen propósitos de ano novo, alomenos como os que acabo de reflectir. O meu sempre foi ter desexos para o conxunto das persoas e que se cumpriran ou non, non dependía (nin depende) de min senón dos actores externos que eran que podía resolvelo, iso non quitaba que eu intentase, nos sitios onde podía influír, que as cousas cambiasen. Gustaríame poder pedir a paz no mundo, así en xenérico, porque sei que son moitas as guerras que se desenvolven neste momento no mundo e moitos os intereses. Así seguindo a norma do Programa de Datos de Conflitos de Uppsala (UCDP), nos que este grupo sueco estima como guerra todo conflito no que hai polo menos 1.000 mortos, neste momento ademais das coñecidas guerras de Ucrania e Gaza hai guerra en Burkina Faso, Somalia, Sudán, Iemen, Myanmar, Nixeria e Siria. Sei que é difícil parar as guerras, pero a maioría das veces non se fai por os que gobernan, tanto por diante como por detrás non lles interesa como estamos a ver na matanza de nenos en Gaza. É paradoxal que o xoves pasado se celebrara o Día dos Santos Inocentes que, segundo a igrexa católica, o rei xudeu Herodes manda matar ao nenos en Belén (Palestina), segue habendo algúns católicos que non se decatan dos asasinatos de crianzas en Gaza e mesmo algúns lle dan medallas de honra do seu concello ao goberno de Israel.
Tamén tería como propósito o que se acabe coa crispación. A Fundación del Español Urgente (FUNDEU-RAE) elixiu como palabra do ano "polarización", penso que se enganaron. Polarización haina moitas veces e en moitas cousas, o que hai que ter coidado e con esta non acade cotas moi altas e acabe na crispación. Vexo moita crispación. Hai que levantar o pé do acelerador senón iremos por mal camiño. Todos sabemos que hai xente que veu ao mundo da política a crispar, non lle compremos a mensaxe, é falsa e está montada sobre mentiras e odio. Houbo neste país momentos de moita crispación e xa sabemos como acabou.
Outro dos propósitos para este ano é que se arranxe dunha vez por todas o sistema sanitario para non ter que agardar días, meses, e mesmo anos para ter unha consulta. Abúrreme escoitar falar, nomeadamente aos que están acabando con este pilar do estado de benestar, que é cousa que pasa en moitos sitios, que non hai suficientes prazas MIR ou EIR. Iso é unha gran mentira as prazas hainas o que pasa é que unha vez que terminan a especialidade vanse fóra porque aquí pagan mal, e non é de estrañar que se marchen a onde se cobra varias veces máis o que aquí e, sobre todo, que non teñen que estar un día aquí e outro acolá. Teño unha amiga enfermeira que con menos de corenta anos cada vez que lle piden a vida laboral ten que levala nun carriño porque xa non lle colle nun maletín de tanto ir empalmando contratos de un día. Haberá que empezar pola Atención Primaria que tan falta está de persoal e o mal pagos que están os que nos atenden . Estamos vendo, estes días que comeza a agromar a gripe, como se están saturando ás urxencias, mesmo con asistencias a urxencias de datos que case son pandemia.
O seguinte propósito que teño para este ano que comeza é que as eleccións ao Parlamento Galego sexan en clave galega e non en clave española. Sei que é difícil, mais vendo como empezou Rueda co seu anuncio no que saca a Puigdemont e fala da fruta, sabe que vai a estar arroupado polos pesos pesados de Madrid e por aí quere dirixir a súa mensaxe. O mesmo vai pasar co PSOE e Sumar, tamén xogarán a baza madrileña. Quedará só o BNG? Ou traerá tamén a figuras do exterior? Xa veremos. O que sei é que para a gobernanza de Galicia non lle afecta para nada a amnistía, ni Cataluña, nin todo aquilo que queiramos poñer para crispar e polarizar. Eu quero saber que se vai facer coa nosa industria, co mar, co agro, ca mocidade, cos vellos, cos de 30, 40, 50 e 60 anos. Tamén cara onde vai a nosa sanidade, a nosa educación, a nosa investigación. O resto son discursos de mal pagador. Os de Madrid non saben como somos e por riba non nos entenden. Comportarémonos, por fin, como un país serio como merecemos?
O último propósito é que, a nivel local, o PSOE e o BNG se entendan. Vendo o pleno do día 29 parece que as distancias son insalvables, pero non fondo é máis o que os une que o que os separa. Trátase de ceder un pouco cada un, deixar o orgullo e os mimos fóra e pensar en nós, as pontevedresas e pontevedreses. Non sei lle fará falta un "verificador" para completar o acordo. Sería un bo propósito realizado para comezar o ano.