Andrés Núñez Rajoy
Aprendemos algo do Prestige? Ou non?
Estou cabreado e decepcionado, ou viceversa. Pasei parte do día de onte recollendo pellet, pélets ou "bolitas" que é o nome que lle dan a unhas pequenas bolas, suponse que de plástico, que apareceron en decembro nas costas galegas. Neste caso móvome entre o disque, o seica e a realidade, e tamén con precaución e luvas de nitrilo que a Xunta , no día de da limpeza non sabía de que eran esa boliñas, hoxe xa din que non teñen perigo. Disque caeron dun barco, seica son de plástico e a realidade é que están as praias cheas. Xa contei nestas páxinas de PontevedraViva que unha das miñas afeccións son a observación de paxaros. Un dos meus observatorios, pola proximidade, é a enseada do Bao e a península de O Grove. Aínda non hai moito andei mirando os golfiños mortos que apareceron nas praias, ao mesmo tempo vin a cantidade de plásticos que bota fóra o mar. A gran cantidade de contaminación plástica que os humanos estamos xerando. Agora aparece outra contaminación máis grave nomeadamente polo seu tamaño, un pouco máis grande que un gran de arroz. Todos falan dos danos que van provocar nos peixes dos que xa hai probas deste tipos destes desastres en sitios como Bangladesh. Eu pensei nos paxaros que, ao non ter dentes, collen pedras duras para telas no boche ou papo e así facilitar a moenda dos alimentos. Estas pequenas bolas parecen de seixo e os paxaros corren o risco de comelas.
A cronoloxía deste desastre é para enmarcar. Disque a primeiros do mes de decembro, fronte a Viana do Castelo, cae, ou caen, ao mar un(s) contedor(s) que levaban mil bolsas con estas boliñas. Todo isto recoñecido, seica, polo avogado do armador (alemán) dun barco con bandeira de Liberia que tal e como funcionan as cousas do mar xa lle podemos botar un galgo. A partir de aí hai comunicacións entre Salvamento Marítimo (do Estado) e o 112 (Xunta) en alomenos dúas ocasións. A partir de aquí comezan as acusación de que si se avisou, de que non. En fin, a marearnos a todos un pouquiño para escorrer o vulto. Sempre dixen que a Xunta de Feijóo, e agora do reposto Rueda funciona como unha xestoría administrativa. É unha engrenaxe que funciona coas cousas de acotío, ao igual que as xestorías. Non sei de que se queixan agora de contactos si, ou contactos. Imos ver un exemplo, cando aparece un caso de lingua azul, ou outra enfermidade, comunícaselle (o responsable do estado comunica) ao xefe de servizo ou subdirector correspondente, este ao director xeral, logo conselleiro e logo presidente da Xunta. Que pasou para que neste caso o 112 non seguise o a cadea de mando. Non o sei. O que sei, porque o vivín, é que moitos postos non son pola valía da persoa senón póla afinidade (e docilidade) da mesma, ás veces incumprindo a lei de función pública para os nomeamentos, isto leva a que moitas veces hai medo a facer cousas. Este é un caso claro de incompetencia absoluta, ou senón é como no chiste de Eugenio "El eclipse" no que por incompetencia acaba "o sol en traje de campaña eclipsará al señor coronel" (Aconsello que o vexan en Youtube).
É o problema da xestoría administrativa, moi ben na zona de confort, pero cando teñen que transmitir malas novas ou facer política apertamos o cu. Sempre me lembrarei do que me contou un conselleiro dos temas de agricultura. Acababan de nomealo conselleiro e había que facer os orzamentos, nunha reunión dun consello da Xunta preguntoulle a D. Manuel Fraga si este ano, tamén, como se viña facendo durante varios anos, se pagaba a multa da cota láctea. Fraga quedou de pedra, non sabía que se estaba pagando. Tíñanlle medo e pagábana ás súas costas. Aquí parece que paso o mesmo, que é medo. Ou non? Penso que non, que estaba ben pensado do aprendido do Prestige. Daquel proceso aprenderon e moito. Elaboraron o Protocolo PP diante das Catástrofes.
No Protocolo está claro que ao igual que se fixo no Prestige o primeiro que hai que facer é "ocultalo", teoría baseada nos estudos de Rajoy. Si un problema non se sabe é que este non existe, o conselleiro de Mar o día da Epifanía di que el non sabía o destas pequenas bolas, e a xente xa a recoller boliñas nas praias. O segundo que hai que facer é mentir. Esta claro co de "o goberno non nos dixo nada". E o terceiro é minimizar o problema. Este apartado do protocolo é o máis fácil de facer xa que si lembramos o de "son unos pequeños hilillos" agora é son "unas bolitas". En fin máis do mesmo. Incompetencia.
Falando disto o meu amigo Antón ten a súa teoría e dime que el ten claro que si aprenderon do Prestige e que por iso non fixeron nada. "Mira Andrés, — díxome o Antón — Rueda estaba de acordo con Feijóo, e sabía que ía convocar as eleccións a finais de ano para aproveitar a batalla contra a amnistía e porque a Feijóo faille falta unha vitoria electoral para fachendear en Madrid para poder ensinar un trofeo electoral. Rueda é o seu canciño obediente. As primeiras boliñas aparecen o 13 de decembro, e logo pouco a pouco outras. Feijóo e Rueda tiñan (teñen) planificada unha campaña na que non houbera moito ruído, moi española, nada de tocar problemas de Galicia, e coa xente ocupada noutras cousas, de aí a data asociada ao entroido. Si sacan o tema das boliñas nesas datas ía comezar a haber problemas, ía aumentar o balbordo e habería problemas cos produtos do mar, e todo isto ás portas do Nadal. Por riba en dúas rías moi afectadas, tanto pola auga da chuvia como é a de Arousa, ou polas verteduras das minas de volframio como é o caso de Noia. Pediríase que pecharan as rías e ía acabar montándose unha boa lea. Así que o mellor é aplicar o punto nº1 do Protocolo PP, ocultalo. E si tal xa lle botaran a culpa a outro. Esta catástrofe non sei a que se vai a levar por diante. No caso do Prestige foi a Xosé Cuiña por uns traxes EPI. Agora a Baltar xa o teñen apartado no Senado. Seguro que a quen lle toque vai ser pola comprar de peneiras en China. Os cartos non teñen problema, á comisión a levar xa lle puxeron tope en Madrid cunhas máscaras. O problema pode ser coa factura que tal e como ten Rueda e Feijóo co galego, o burócrata que faga o trámite non poña "penera" por peneira para quedar fino co castelán.— Aquí o amigo Antón rise só, e pregúntolle o porque e dime que na súa aldea cando era pequeno había un neno ao que lle ensinaban a falar en castelán e a pobre avoa, dentro da súa intención dicíalle: Manuel no vayas a la carretera que viene el gallo y te petera. A súa carón estaba Chiño o Tato e replicoulle : y viene el porco y te fosa"
Ao final, logo de botar unhas risas, acabo dándolle a razón ao meu amigo Antón sen antes lembrarlle, como el ben sabe, que a marea como sube baixa, e foi un problema no mar quen botou a Manuel Fraga. E como di o amigo Manuel Rivas (@Rivasbarrs) en X, antigo Twiter, diante da "Incompetencia": En Galicia, cando non hai Goberno, hai Pobo.