Andrés Núñez Rajoy
A perversión da linguaxe, e das palabras
Dicía George Orwell que "a linguaxe política esta deseñada para que parezan verdades, o asasinato unha acción respectable e a vaguidade unha cousa sólida". Isto reflícteo moi ben Lewis Carrol no conto de "Alicia no País das Maravillas" cando Alicia di: "A pregunta é si se pode facer que as palabras poidan dicir tantas cousas diferentes". Claro que a perfección do uso manipulador da linguaxe levouna ao grado superior Goebbels, o ministro de propaganda de Hitler, cando afirmaba que "non falaba para dicir algo, senón para obter un efecto particular". Estamos vendo que palabras que imos tragando como se foran pequeniñas pastillas e, sen darnos conta, van intoxicándonos pouco a pouco. Xa Platón avisara que os "abusos da linguaxe eran perversións retóricas e cesións inconscientes". Hoxe en día estámolo vendo acotío, son moitas as palabras ás que lles cambian o sentido, ou as que unidas a outras cambian. En España o exemplo máis claro do retorcemento da linguaxe son as mensaxes de Isabel Natividad Díaz Ayuso (INDA), nomeadamente no uso que fai da palabra "liberdade" que acaba disociando un dereito humano contra o poder tomarse unhas cañas de cervexa. Os gregos diante das dúbidas do futuro ían en peregrinaxe a Delfos, tanto para saber o futuro como para saber a verdade. Hoxe en Delfos xa non hai pitonisas que nos aclaren a verdade, temos os medios e as redes invadindo a información.
Templo de Atenea Pronaia en Delfos (foto do autor)
De todo isto fai un tempo que veño observando unhas cantas palabras que me demostran que unha manipulación moi clara da linguaxe. Imos ver.
Contratista. Se imos ao dicionario da RAG, vemos que pon: "Persoa que se dedica a realizar obras mediante contrata". Que coincide co que sempre soubemos que un contratista era alguén que nos podía facer unha casa ou un edificio. Mais, non, xa non é iso, agora os contratistas, por influencia dos norteamericanos que é así como lles chaman son empresas provedoras de servizos de defensa (EPSD) ou private military company (PMC). Todo isto resúmese en que son mercenarios, ou o que é o mesmo son "soldados de aluguer". Levan moitos anos xa no mercado, aínda que agora foron máis coñecidas polo Grupo Wagner que actuou na guerra de Ucraína, aínda que xa andara nas guerras de África, Siria e Irak. Teñen moito poder e moita xente, nunca saberemos a verdade pero recoñecen algunha ter máis de 10.000 empregados (soldados). As máis importante son a Academi (Blackwater) con importantes actuacións en Irak, a Defion Internacional con sede e Lima e constituída por soldados hispanoamericanos, a Triple Canopy que tamén ofrece servizos de escolta, e din que se encarga da seguridade de Binden, a canadiana Garda World e a máis grande do mundo a inglesa G4S Secure Solutions que se dedica a todo o que teña que ver con seguridade, dende a seguridade de cárceres en Inglaterra e Gales, a furgón blindados, servizos xurídicos, actuacións en guerras, etc. Hai máis pero son máis pequenas, mesmo que descubrín que Doug Marcaida do programa "Forged in fire (Forxado a lume)" tamén é un contratista do exército americano.
Crecemento negativo. Non é outra cousa que "decrecemento" ou "diminución". Úsase no terreo político e económico cando hai crise. Parece unha tomadura de pelo na súa definición xa que cando as cousas van ben só usan a palabra crecemento.
Danos colaterais. É das palabras que máis me cabrea, non é outra cousa que "vítimas civís" que nin están en guerra, nin lles gusta, e que teñen a desgraza de estar alí. O peor disto é que a usan para referirse a persoas, un dano colateral tamén é que desfagan un edificio ou que maten un can que pasaba por alí, mais sempre usan o termo para falar das persoas.
Regulación de cadro de persoal. Están falando claramente de "despidos". Tamén soen usar "Racionalización de efectivos", "Reaxuste de persoal" ou, a máis pavera por eufemística, de "Desvinculación da empresa".
Persoa en risco de exclusión social. Xa son gañas de poñer unha morea de palabras cando o termo é "pobre", están falando dos pobres, desa xente que aínda que traballe non chega a final de mes.
Regularización fiscal. En resumido: "Amnistía fiscal". Claro que isto dito así en seco soa un pouco entre caciqueo e prevaricador. Do que falan é de perdoar unha persoa por delitos económicos a cambio de que traia os cartos de onde os teña e pague os impostos correspondentes. Estas palabras úsanse porque á vista da xente queda moi mal iso de que se devolvan parte, que non todos xa que se aforran as multas, dos cartos roubados.
Infantilización diminutiva. É usar nomes en diminutivo co que parece que perden a forza de facelo en palabra normal. Trátanos de nenos pequenos e pensan que facendo en diminutivo o impacto é menor. Aí temos os termos tan de moda como "bolitas" de plásticos ou os clásicos "hilillos de plastilina".
Estou ben certo que vós saberedes unha morea máis de palabras que perverten a linguaxe, seguro. Eu puxen hoxe aquí as que son máis chocantes para min. E tamén as que máis amolan á xente que ten que padecelas, sen esquecer que pretenden meternolas pouco a pouco ata que as usemos de xeito normal. Os donos da economía, as grandes empresas, a dereita extrema, a extrema dereita, os oligarcas e outros máis teñen ao seu dispor moitas redes, moitos medias, nós temos que loitar que non nos invadan o noso espazo de liberdade de pensamento e opinión e chamarlle ás cousas polo seu nome. Ao pan, pan, e ao viño...