Andrés Núñez Rajoy
Emancipación. Proxecto de vida? Futuro incerto?
Acabo de ler o derradeiro Informe do Observatorio de Emancipación do Consejo de la Juventud de España (https://www.cje.org/investigacion/#observatorio). Este Informe componse de cinco traballos que se poden ler facilmente. Aos que temos fillos e fillas nesas idades non nos di nada novo do que está acontecendo agás que se reflicte o que observamos con números, ademais podemos comparalo cos datos europeos (Share of young adults aged 18-34 living with their parents by age and sex - EU-SILC survey, estes datos vémolos en : https://ec.europa.eu/eurostat/databrowser/view/ilc_lvps08__custom_8942162/default/table e tamén facer unha comparación interautonomías.
Logo das parvadas que din moitos liberais, mellor dito neoliberais ao respecto da mocidade, como a presidenta da comunidade de Madrid chamándolles palanquíns, que tanto a sacan nos medios e non entendo para que, quedei contento de ver como o dos famosos "ninis" (que non estudan, nin traballan e non buscan emprego) é só do 1,9% da poboación inactiva e pola contra os "sisis" (que estudan e traballan á vez) é do 34,0% da poboación ocupada. E tamén, para desmitificar o que din os cretinos con iso de que a xuventude non quere traballar, ver como se incrementou, e moito, o número de persoas mozas dadas de alta no réxime de autónomos o que ven supoñendo un 5,7% da xuventude ocupada.
Cando miramos os datos polo miúdo (da media española) vemos cousas que "a priori" poden ser positivas como o descenso do paro na mocidade a niveis de 2008 e o salario medio increméntase nun 5%, mais a conclusión importante é que en España, e en Galicia a mocidade emancípase cando xa non é moza. Como é que pasa isto? Imos ver, si nos comparamos con Europa observamos que a porcentaxe media española no primeiro trimestre de 2023 é do 16,3% e en Europa do 31,9%, ou o que é o mesmo o dobre da porcentaxe española. Todo isto débese a dúas cousas, a primeira a vivenda e a segunda a comunidade autónoma onde vivan.
Por unha banda o salario medio mozo mediano, en 12 pagas, está nos 1.005,22 euro netos ao mes. Éche o que hai. Mais, do outro lado o aluguer mediano dunha vivenda (no mercado libre) era de 947 euros, ou o que é o mesmo o 93,9% do salario mensual da persoa moza. Pero claro nunha vivenda non so hai o custe do aluguer, ten outros gasto como a luz, o gas, a auga e outras necesidades básicas, que segundo o informe supón a cantidade de 138,12 euros, co cal acada o prezo final da vivenda, por mes, a cantidade de 1.82,12 euros. E aquí ben o máis simpático, con estes datos a un mozo medio aínda lle faltan 76,9 euros para poder pagar unha vivenda cada mes.
A final, e seino porque teño un fillo nesa situación, acaban indo a vivir con outra xente moza na mesma situación, dándose o paradoxo que moitas veces non se coñecen, é dicir ir a vivir con xente estraña. Isto foi o que fixemos moitos e moitas na nosa xuventude cando estábamos estudando, os famosos "pisos de estudantes", mais isto como emancipación da mocidade traballadora, non é o mesmo. Aínda así cando se comparte piso non están libres de dedicar unha alta porcentaxe do salario. Os estudos aconsellan que se dedique, a vivenda habitual, unha porcentaxe máxima do 30,0%, pero con estes datos vemos que é imposible xa que a habitación media española custa 375 euros, que ven sendo o 37,3% do salario mozo medio. No vou a entrar nos datos de compra de vivenda xa que acabaríamos na tolemia, aínda que a hipoteca suporíalle o 65,9% do salario mozo medio, para dar a entrada ten que aforrar 53.796 euros, dedicarlle catro anos e medio o seu salario.
Pola outra banda a mocidade ten como problema a comunidade autónoma onde viva. Das 17 CCAA de España só dez baixaron a taxa de emancipación, no resto mesmo aumentou. Así nos datos vese que na CCAA con maior porcentaxe de mocidade en situación de desemprego son, agás excepcións , as mesmas que menos mocidade hai emancipada. A isto temos que engadirlle que tamén nestas comunidades, da cola, os salarios son inferiores, con salarios netos ao mes inferiores aos 1.000 euros. Nisto débese subliñar que segundo os datos do Informe de Emancipación só seis comunidades autónomas superaban o Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
Pasámonos tempo, eu tamén, dicíndolle aos nosos fillos que se formaran, que ben formados e traballando forte acadarían unha estabilidade como a que tivemos nós, na que tamén ían ter garantida unha vivenda. A famosa triloxía (CMD) de carreira, master e doutorado. Nada máis lonxe da realidade, a nosa mocidade ve como o mito da meritocracia é mentira, que os postos de arriba cóllenos os fillos dos que están nos postos de arriba (como sempre) e que os postos intermedios, que daban bos salarios e creaban a estabilidade da clase media xa non existen, agora todo se rexe en función do SMI e a vivenda, por moito que diga a Constitución Española declare no seu artigo 47 que todos os españois teñen dereito a desfrutar dunha vivenda digna e adecuada, é mentira, a mocidade non chega porque hoxe a vivenda en España converteuse nun ben de mercado, e non nun ben real. E senón que llo pregunten aos fillos de Aznar, Botín e da elite económica do franquismo que traballan para "fondos buitre" como Blackstone (o maior caseiro de España), Cerberus y Lone Star o que impide que se poda acceder a unha vivenda digna en propiedade ou aluguer, sexas mozo ou persoa madura.
Non quería terminar sen comentar os datos que o Informe de Emancipación ten de Galicia. Tanto a Feijóo antes, como a Rueda agora éncheselle a boca a falar da xuventude, a pregunta é fixeron algo por eles, a resposta segundo os datos é fácil: nada. No informe hai dúas partes dedicadas aos datos autonómicos, un titulado "Principales datos autonómicos" e outro "Comparación Interautonómica". Aquí os datos son demoledores, Galicia baixou 1,2 puntos porcentuais nun ano. No primeiro semestre de 2023 a taxa de emancipación era do 15,3% (en España é do 16,3%) é dicir un punto menos que a media española (comparar con Europa xa non falo). A taxa de emprego das persoas mozas subiu ao mesmo ritmo que a de España (influencia da Reforma laboral) porén os salarios mozos medios galegos non chegan aos 1.000 euros de media e o prezo do aluguer entre a mocidade galega subiu un 8% nas vivendas e dun 7,9 no caso de pisos compartidos.
Á vista destes datos vergoña debería darlle a Feijóo e a Rueda o falar da mocidade. Dende que están no goberno galego o único que se fixo foi facilitar a emigración da nosa mocidade mellor formada da historia, vivenda non fixeron, a derradeira que se fixo foi coa conselleira Teresa Táboas. A nosa mocidade non lles debe nada. Aínda así e todo a emancipación da nosa xuventude é un dos grandes problemas deste país. O próximo día 18 de febreiro hai eleccións en Galicia, agardo que a presidenta do goberno galego que saia das eleccións propoña un Pacto pola Vivenda a todas as forzas políticas, a mocidade xa está farta de agardar. Os proxectos de vida comezan por unha vivenda digna.