Manuel Pérez Lourido
Eleccións en Galicia
Xa están aí as eleccións galegas, no momento que máis lle conviña ao partido que goberna, como é lóxico e natural: nin un parvo convoca unha consulta electoral no momento que peor lle vén. E Rueda non é parvo. O que el, e todos, queren é que lles vaia todo sobre rodas. Repetir resultados serían bos resultados. Ten na súa contra, ao marxe da xestión do país nos case dous anos que leva de "interino", que non é tan coñecido como Feijoo, a quen moitísima xente votaba xa co piloto automático. Isto era tan evidente que recentemente saíu na TVG en varios programas de moitísima sona, nunha especie de macrospot gratuíto (bueno, gratuíto non, que pagamos todos): un dirixido a un sector máis xoven e outro cunha audiencia de maior idade. Amósase, dende hai tempo, máis sorrinte nas fotos, etc, etc. Todo dentro do normal. Se cadra tamén é normal repartir cartos a amplos sectores da sociedade xusto antes das votacións: 120 euros do Bono Deporte ás familias con fillos federados e a tarxeta +65 aos maiores, con descontos en comercios, turismo, cultura, etc. Esta última adxunta unha carta do propio Rueda asegurando que "seguirá estando ao seu carón" para que sexan felices. Algo así.
E o normal tamén é que a xente, moita xente, pense: que máis da a quen votemos, que total os políticos despois fan o que lles da a gaña? Vale, vese que vostede estivo atenta todos estes anos, pero tamén é certo que o que lle da a gaña a uns no é exactamente o que lle da a gaña aos outros. Iso de que "todos son iguais" é para torpes ou preguiceiros.
As enquisas (ai, as enquisas) dan como principal rival do PP ao BNG. Ana Pontón debeu facer as cousas ben dende que colleu o mando porque a expectativa de voto aumentou, ademais de conseguir traer a casa de novo a Anova de Beiras & Co. Ten o BNG ao seu favor que nunca tivo o privilexio de comandar un goberno (aquelo do bipartito non era o barullo que lle monta o PSOE ao BNG en Pontevedra, pero só era cuestión de darlles tempo), cousa que non se pode dicir de PP e PSOE, que tiveron mando en praza tanto en Santiago coma en Madrid. Digo isto porque non se lles pode votar en cara a uns asuntos coma, por exemplo, o das peaxes da AP-9 e aos outros si. Por poñer un exemplo anecdótico pero que se sufre día si, día tamén e polo que van pasando os anos como os días no Día da Marmota. Si os nosos políticos manteñen en mans de vampiros unha autoestrada que se concedeu en 1973 e os pontevedreses pagamos para ir a Vigo dende 1981, estamos apañados. Despois tes que escoitar que os cataláns, os vascos e ata os canarios levan tempo muxindo aos partidos que gobernan e conseguindo beneficios para as súas respectivas comunidades. Home non: agora resulta que, neste asunto, eles van ser os parvos e nós, os galegos, os listos.
En canto ao PSOE, semella que o sanchismo non lle está a sentar mal na nosa terra. Para carecer dun liderado forte, as enquisas (ai, as enquisas) non os están tratando nada mal. Sumar tense que enfrontar ao reto do seu primeiro test en Galicia, e aos esforzos de Podemos por restar. En canto a Vox, a ver se repite resultados tamén.