Andrés Núñez Rajoy
Papá, por que non podo votar nas eleccións ao Parlamento Galego?
Dito así parece unha brincadeira dun neno pequeno que quere meter nas urnas un papel imitando aos pais. Pero non, non iso. Esta frase que inicia o artigo lévanma dicindo os meus fillos desde que teñen idade para votar. Eles, Vítor (42 anos) e Adrián (36 anos) son galegos, nacidos na Coruña, mais desde a súa xuventude viven en Cataluña onde estableceron a súa vida e , nunca renunciaron a volver. Na súa "colla" (cuadrilla) falan indistintamente en catalán ou en castelán, segundo con quen falen e as circunstancias que se dean, mais o paradoxal é que cando falan entre os dous irmáns sempre o fan en galego. Nunca deixan de vir a Galicia en cada momento que teñen libre. Veñen a osixenarse de "País", que podemos substituír por polbo á feira, churrasco, viños, 1906, praias, montes, verbenas, pero fundamentalmente a encherse de raíces coa xente. Cabreáronse moito cando se deron conta, xa fai anos, que un neto dun emigrante galego, que non naceu en Galicia, que nunca pisou Galicia, e, mesmo pode que non saiba onde está Galicia, pode votar nas eleccións ao Parlamento Galego, ou ser elixido presidente da Xunta. Cando lles expliquei a razón diso escacharon a rir (por non chorar) mais non o entendían.
Conteilles que esa eiva, si é que se pode chamar así, ven no Estatuto de Galicia. Que para poder votar hai que ter a "condición política de galego". E iso que é?—preguntou Adrián. Pasei a lerlle o que di o Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 3 :
-
Para efectos do presente Estatuto, gozan da condición política de galegos os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.
-
Como galegos, gozan de dereitos políticos definidos neste Estatuto os cidadáns españois residentes no estranxeiro que tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia, e acrediten esta condición no correspondente Consulado de España. Gozarán tamén destes dereitos os seus descendentes inscritos como españois, se así o solicitan na forma que determine a lei do Estado.
Díxenlles que ademais do Estatuto tamén está a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galicia que subliña que "Son electores os que, ostentando a condición de galegos conforme ao artigo 3 do Estatuto de Autonomía, sexan maiores de idade e gocen do dereito de sufraxio activo", e ten máis cando di " que a condición de electores é requisito, segundo o artigo 4 da mesma lei, para ser elixible como deputado ou deputada", ou o que é o mesmo os meus fillos nunca poden ser deputados do Parlamento Galego, como lle pasa a Feijóo que ao censarse en Madrid perdeu a "condición política de galego", e tampouco poderá votar. Isto quere dicir que unha persoa que nacera en Galicia, coma vós —díxenlle— e que agora resida, e estea empadroado, noutro lugar de España perde a "condición política de galego" non pode votar nas eleccións.
Hai un caso moi salientable nestas eleccións e é que, segundo puiden ler na prensa, pola provincia de Lugo presentábase unha candidatura de Izquierda por Almería. Supoño que o que non sabían esta xente de Izquierda por Almeria é que cando se formaliza unha candidatura na Xunta Electoral é obrigatorio presentar unha "certificación acreditativa de que o candidato está inscrito no censo electoral ou empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia", que emiten as Delegacións Provinciais do Instituto Nacional de Estatística. Imaxino que esta candidatura se non están domiciliados todos en Galicia quedaría fóra das eleccións.
En Galicia poden votar nestas eleccións, segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística), 2.693.624 persoas dos que 476.514 son electores que residen no estranxeiro, ou o que é o mesmo o 17,78% do censo total, por riba case 140.000 (30%) non naceron en Galicia. Si debullamos os datos por provincia os datos aínda son máis significativos así as provincias máis despoboadas como son Lugo e Ourense son as que máis porcentaxe de residentes no estranxeiro, co 20,6% en Lugo e o 29,1% no caso de Ourense, que si xuntamos que Lugo e Ourense teñen garantidos 14 deputados cada unha a influencia deste voto exterior pode ser moi importante, polos poucos que custa un deputado nesas provincias fronte á Coruña e Pontevedra, nas que a porcentaxe do voto exterior é menor, preto do 15%, e conseguir un deputados esixe máis votos que en Lugo ou Ourense. Os países onde máis se atopan estes votantes son Arxentina con un pouco máis de 166.000 electores, Cuba e o Brasil con arredor de 45.000 cada un, Uruguay arredor de case 33.000 e Suiza con algo máis de 34.000, logo veñen Venezuela, EEUU, Francia, Alemaña e Reino Unido. Destes datos son coñecedores os grandes partidos (PP e PSOE) que fan moitas viaxes para manter contactos con estas persoas, nomeadamente cara as eleccións, logo esquécense deles.
Estase a ver, sobre todo nas redes, movementos criticando a estes votantes, ou estes votos, que aínda que non naceran en Galicia teñen moita importancia. Dentro destas críticas hai algunha que non comparto, sobre todo cando din que "non votan ben". Que é iso de votar ben? É unha falta de respecto á xente e á democracia, xa que cada un vota o que lle da a gana, e si votan contra os meus criterios, pois caladiño e a respectar que iso é democracia, e ao que non lle guste pois, azucre, ou cando gañou o PSOE – BNG non había votantes do exterior? Pois claro que si, e gañáronlle a Fraga e de aí saíu o "bipartito". A obriga dos partidos é convencer aos electores, dentro e fóra, para que os voten.
No podemos deixar de pensar que Galicia toda ela é "diáspora", unha procesión de caladiños, ou de Santa Compaña, foi espallando polo mundo galegas e galegos. Lembrémonos da frase de Castelao: "o galego non protesta, emigra!", e por desgraza segue sendo así cos xoves mellor preparados da historia de Galicia. Este dereito ao voto non é nin máis nin menos que un dereito legal, que cando se fixo o Estatuto de Galicia podía estar "máis ou menos ben" pensando na diáspora, seguramente si.
Tal e como están as cousas parece que hai "dúas diásporas" que crean controversias, por unha banda están os emigrantes, con fillos ou netos que non naceron aquí, e que viven no estranxeiro. Pola outra banda están os emigrantes que viven en zonas do territorio español a onde foron busca de alternativas (como os meus fillos) e que moitas veces por cuestións de necesidade e burocracia como a seguridade social, ir ao médico, a escola dos fillos, etc., acabaron empradoándose alí, e por moito que veñan a Galicia, que sigan falando galego non van poder votar nunhas eleccións ao Parlamento Galego. Haberá que buscarlle un encaixe, mais non demonizar aos que votan agora, teñen ese dereito, os partidos terán que esforzarse para conseguir o seu voto. Temos que revisar ese voto exterior, non sei moi ben como, desde logo aos nacidos aquí manterlle o voto, aos netos, que non, teño a miña dúbida. Penso que a emigración debería ter representantes no Senado, mais non sei como axeitar o tema para as eleccións galegas. Repensémolo.
Vivo nun barrio (Loureiro Crespo, san Antoniño, Pasarela e Fernando Olmedo) no que hai moita emigración africana. Nas derradeiras eleccións, cando a pandemia, o meu fillo Adrián estaba por aquí, e falando de todo isto preguntoume: "Papá eu xa sei que non podo votar, pero ese señor marroquí co acabas de falar, que tampouco pode votar, que leva aquí case dez anos, que traballa aquí, que cotiza aquí, que paga os impostos aquí, que ten fillos nacidos aquí, que fala o galego ao seu xeito, non debería ter máis dereito ao voto que o neto dun emigrante que non sabe onde esta isto?" . Fiquei con cara de paspán, sen saber que dicir. Vós que lle contestariades?