Manuel Pérez Lourido
A melancolía de ABBA
Dúas das compañías suecas máis exitosas e internacionais son, por esta orde, o grupo de música pop ABBA (acrónimo formado coa primeira letra do nome de cada membro) e IKEA (outro acrónimo do nome do fundador e do seu lugar de orixe). Estamos aquí para falar do primeiro. Como é posible isto? A culpa foi un arquivo de cancións que descarguei de internet (non vos preocupedes, esta tarde entregareime á Policía) que levaban como título: As 1001 cancións que hai que escoitar antes de morrer. Está cheo de música de insoportable, aínda que aquí e acolá aparece un mega hit que non estoupa nos teus oídos. Estaba escoitando mentres conducía, saltándome as cancións máis perigosas, cando o meu dedo levoume a "Dancing queen". Cometín o erro de deixala soar e ao cabo de medio minuto apoderouse de min unha enorme tristeza ata tal punto que, de non ser polos pasaxeiros, creo que tiraría o coche por un terraplén. Non sei se esaxero un pouco, ou son os de ABBA os que esaxeran: como facían esta xente cancións tan pegadizas e tan de bailar e ao mesmo tempo tan enchoupadas de melancolía? Non, non é porque o grupo estivese formado por dúas parellas casadas, non hai que ser tan mal pensado.
ABBA arrancou no 1972 e dous ano despois gañaba o festival de Eurovisión co tema "Waterloo", un tema alegre e de moito ritmo. Neste tema, cun son glam rock moi propio da época, destacaba o emprego da técnica do "muro de son" que inventara o xa defunto e mítico Phil Spector (xenial produtor, maltratador, pistoleiro, convicto por asasinato...). Consistía en gravar a melodía nunha cinta, creando despois varias copias para reproducilas cunha separación de milisegundos, de modo que o son resultante fose moito máis compacto e forte. Converteuse nunha referencia básica no acervo musical da banda sueca.
Non temos espazo aquí, nin paciencia para escribilo e menos aún lelo despois, para reseñar a carreira de ABBA, que se prolongou ata o ano 1982. Despois, en 2001, xuntáronse para gravar "Voyage" (o seu noveno album) que, sen tratarse dun album malo, non é tampouco ningunha marabilla. Pero os suecos xa formaban parte da historia da música pop. Madonna sempre os recoñeceu coma unha grande influencia; John Lennon e Paul McCartney (que algo de melodías sabían) falaron ben deles. Ata dentro dos Sex Pistols tiñan un fan: o baixista Glen Matlock. Ata o punto de que "Pretty vacant", un dos himnos da banda punk, amosa un riff guitarreiro inspirado, segundo confesión de Matlock, do tema "SOS" da banda sueca. Elvis Costello, por exemplo, recoñeceu que o riff de piano que se escoita no seu tema "Oliver's army" ten a súa orixe en "Dancing queen".
Agora que Eurovisión pegou un xiro tal que xa non hai quen cante en directo na gala final (¡nun festival de cancións!), hai que dicir que ABBA fixo tanto polo festival como viceversa: ningún outro grupo gañador do certame tería unha carreira tan longa e exitosa como os de Estocolmo. O seu ingrediente segredo: esa sutil melancolía que salpica cando escoitas "Fernando", "Chiquitita", "Lay all your love on me", "Take a chance on me", "Knowing me knowing you" e tantas outras.
Nunca fun un fan de ABBA pero non hai quen lles quite mérito: gustarache máis ou menos a sua proposta, pero no seu foron uns mestres.