Andrés Núñez Rajoy
Que pasa no campo? - I
"Si el campo es tan bonito, porque no llevamos la ciudad para el campo" Eduardo Rojas Rebolledo, escritor mexicano.
Levo varias semanas vendo manifestacións de agricultores, cortando estradas e autoestradas, reivindicando dereitos. Non podo negar que me preocupa, e moito. A miña preocupación vai por dous camiños, primeiro pola situación da agricultura en Europa con problemas de prezos, cun forte envellecemento e despoboamento, e outro polas reivindicacións nacionalistas da agricultura en Europa, empurrado pola extrema dereita, que pon en perigo, mesmo, a existencia da UE. Sei que gozamos de moita información nas televisións, radios e xornais, que as veces non damos comprendido o que esta a pasar. Ás veces, tamén, é desinformación xa que cada un fala da feira segundo lle vai nela, uns por intereses e outros por non informarse ben a hora de comunicar. Son sabedor de que non hai unha soa agricultura europea, nin que todos os agricultores son iguais e teñen os mesmo problemas, por iso é moi importante coñecer a orixe das cousas e ver como se chega a este momento. Subliñar que, a parte dos agricultores, son moitos os sectores que teñen influencia no campo como é a industria do metal (tractores e maquinaria), as farmacéuticas (produtos fitosanitarios) e a industria relacionada co resto dos insumos. Outra complicación a comprensión é a grande cantidade de siglas ou acrónimos que se manexan no mundo agrario como GATT, PAC, OCM, FEGA, FOGGA, OGM, TTIP, CETA, UGM, SAU, etc. , e tamén palabras que non temos moi clara a súa definición como desacoplamento, desregularización, agricultor principal ou cadea alimentar. Vou intentar ir explicando un pouco todo isto.
Foi despois da II Guerra Mundial cando a ONU patrocinou o nacemento do GATT (Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio-General Agreement on Tariffs and Trade) coma un código de conducta entre países que traballaría na redución de aranceis. Ata o ano 1986 a agricultura era un dos temas excluídos da Roldas do GATT (as Roldas son o xeito de traballar deste organismo, empezan un ano poden durar decenios atachegar ao acordo final), o seu xeito de pensar era que a agricultura quedaba fóra "por tradición", a verdade era que non causaba moitos problemas. Os EEUU eran o país produtor máis grande do mundo e tiña o mercado ben amarrado xa que fixera acordos bilaterais cos outros grandes produtores como eran Arxentina, Canadá e Brasil, así regulaban os mercados, mais tamén os prezos mundiais. Mentres tanto os países que importaban, sobre todo cereais, non se queixaban xa que o mercado estaba sempre estable. Pero coma sempre algo pode pasar que cambie a situación, e así, nos anos 70, aparece no mercado mundial trigo europeo, que estaban subvencionas as exportacións pola CEE (agora UE). Todo isto fixo baixar moito os prezos. Aos americanos non lles gustou e, aínda que a súa agricultura é moi subvencionada, tampouco souberon reaccionar ben e o que fixeron para conter os prezos foi poñer a barbeito un terzo da súa superficie de cereais. Mais os EEUU seguían cabreados, e como o que manda, manda, levaron a queixa ao GATT. Aí comeza a famosa Rolda do Uruguay no ano 1986 terminándoa no ano 1985 coa creación da Organización Mundial do Comercio OMC (https://www.wto.org/indexsp.htm), ten a súa sede en Xenebra. A diferenza entre o GATT e a OMC é que o GATT é un sistema de regras entre países e a OMC é un organismo internacional.
A OMC, é defensora do libre comercio total (neoliberalismo), sen trabas, e a partir do 1995 incluíron a agricultura. Queren que os países eliminen as axudas de protección á agricultura, que tamén eliminen as barreiras aduaneiras. Sen dúbida o máis salientable e que queren que entre as eliminacións que promoven están, a parte das que xa mencionamos, a eliminación das limitacións sociais e medioambientais. No anos 90 Europa estaba adaptando a PAC á reforma liberal, que se ve plasmada na PAC do ano 1992 na que opta polo desacoplamento das axudas agrarias, que era o que a influencia neoliberal dos EEUU no GATT quería, e que nas discusión do GATT, nomeadamente na Rolda do Uruguay, tanto pelexaron. O desacoplamento é o mecanismo polo que a suma das actuais axudas ligadas ás hectáreas sementadas ou ás cabezas de gando que se teñan cada ano, pasan a ser unha axuda única por explotación, independente das hectáreas que se sementen ou as cabezas que se teñan no futuro.
Esta idea de desacoplar as axudas, das que tan contentos estaban os neoliberais do GATT, comezan, pouquiño a pouquiño a facerse nos EEUU nos anos 80 con Reagan, o gran neoliberal. Pasado dous anos xa recuaron, a crise asiática que desestabilizou os mercados agrícolas e a aparición e, sobre todo a baixada de prezos, desde o inicio dos anos 2000 ao 2006, coa chegadas de Ucraina e Rusia aos mercados mundiais de cereais. Os americanos teñen moi claro que a agricultura é un área estratéxica e de seguridade nacional, cousa que non parece ter moi claro Europa. Os americanos nunca deixaron de protexer a súa agricultura, que vén xa dende o ano 1933 cando a introducen no New Deal (Novo trato) https://www.loc.gov/classroom-materials/united-states-history-primary-source-timeline/great-depression-and-world-war-ii-1929-1945/franklin-delano-roosevelt-and-the-new-deal/ feito por Franklin Delano Roosevelt. Polo camiño houbo intentos de desacoplar como fixera Reagan , porque "lle custábae moito ao estado". Pero a crise do inicio de século XXI fixo volver todo ao rego, e así dá igual que fora Bush, Obama, Trump ou agora Biden que volven a ser intervencionistas e reguladores, para garantir aos agricultores unha renda xusta. No ano 2014 fixeron a Farm bill https://www.fsa.usda.gov/programs-and-services/farm-bill/index (que se fai cada cinco anos) que eliminou as axudas desacopladas. Dende aquela síguese no mesmo ritmo, así podemos ver a Farm bill do ano 2023 que mantén os criterios que había.
Os americanos, para garantir a renda aos agricultores actuando sobre o prezo de trigo, soia, millo e algúns outros cereais. O xeito de actuar, común en moitos estados e fixar prezos de referencia que son os que activa a axuda no caso de que os prezos baixen, ao igual que se fai tamén en Europa https://eur-lex.europa.eu/legal-content/es/ALL/?uri=CELEX%3A32016R1238 claro que diferencia en prezo é moi importante xa que en EEUU é de 202 dólares en Europa é de 101,31 euros/tonelada (Lembrar que en Europa o prezo de referencia nos anos 90 pasaba de 160 euro, o que supón unha baixa moi considerable).
Despois da "guerra comercial do leite" entre EEUU e Canadá por un lado co leite fresco e queixos e con México polo leite en po por outro Donald Trump aprobou u ha lei de axuda aos produtores de leite e queixo https://www.cheesereporter.com/ que ata o de agora segue vixente. Nunca entendo a eses grandes liberais e neoliberais que tanto apoian as politicas de cero axudas cando os seus representantes están facendo unha política agraria intervencionista. O Ministerio de Agricultura dos EEUU (USDA) https://www.usa.gov/agencies/u-s-department-of-agriculture dálles axudas financeiras ao sector agrario. Subvenciona as colleitas fronte as catástrofes para garantirlles aos agricultores que sexa asequible o seguro. Facilita que se acaden préstamos para mellorar as explotacións e medrar máis, mesmo con axudas a explotacións que se ven afogadas polos préstamos. Case nada. No que non se esmera EEUU tanto como Europa, e ese é un dos problemas que falaremos máis adiante, é no apoio a unha agricultura durable e respectuosa co medio ambiente. Iso non o fan, no resto de neoliberalismo nada, intervención pura e dura.
Para a semana que ven falaremos de Europa e a súa PAC