Andrés Núñez Rajoy
Tradicións e costumes
Lémbrome cando na miña xuventude cando, na noite se san Xoán, e unha vez pasada a queima da cacharelas, íamos ás casas dos veciños a coller carros da vacas ou cancelas. Era un xeito de diversión dos mozos, e non tan mozos, pertencentes a unha sociedade rural onde as diversións escaseaban e había que darlle ao maxín para divertirse. Acórdome, sempre por esas datas dun ano no que íamos os mozos cun carro, case en andas para que non fixera ruído, que colleramos na casa de Maruxa A Muiñeira, cando de fronte nos atopamos co seu home e o seu irmán. Xa era moi noite, non se decataron que ese era o seu carro e puxéronse a axudar. Nós non nos víamos as caras pero imaxínome as caras de asombro dos meus amigos. Os que máis empurraban eran os donos do carro ata o punto que cando chegamos a un lavadoiro, deses feitos no franquismo e lucían un xugo e unhas frechas, e eles empeñados en subilo ao tellado do lavadoiro. Nós non queríamos subilo, eles que si, que había que subilo. Puxéronse tan esixentes que acabamos subindo o carro ao tellado do lavadoiro. Alí despedímonos. Nós seguimos xuntos a por outro carro e ao pouco oíanse os berros, con insultos, desde a casa da Muiñeira. Cando vin para Pontevedra, na noitiña do 23 de xuño, fomos comer sardiñas a unha finca que a miña esposa ten en Xeve (na que eu me entreteño cultivando horta), ao día seguinte fun a limpar o que deixáramos e, non había cancela!. Enfadeime un pouco, mais lembreime da tradición, fixérono por tradición pero seguro que non por dano e estaría preto. Así foi, a uns 20 metros alí estaba a cancela contra un balo.
Tamén hai, mellor debemos dicir había, tradicións que rozan o vandalismo e que, por sorte, tanto polas actuacións dos concellos como polas lexislación que se foron engadindo, sobre todo polo benestar dos animais, que foron desaparecendo. Vivía eu en Carballo cando, no concello veciño de Zas, no ano 1989 se prohibiu a "Corrida do Galo de Zas", que consistía en pendurar dunha corda un galo atado polos pes e que uns mozos ían subindo e baixando ata que un conseguía collelo e arrincarlle a cabeza. Celebráronse varias "corridas clandestinas", recordo ao alcalde daquela época dicindo, para xustificalos, que "era unha tradición centenaria apoiada pola poboación e que peor eran os touros". Tamén na nosa contorna había "Corrida do Galo". Era un dos actos estrela do Entroido de Cobres en Vilaboa. Foi prohibido no ano 1991 polo gobernador civil Jorge Parada. Agora felizmente reconvertido no "Galo do Río" e "Galo da Vara" cun un boneco de goma na punta.
As tradicións, moitas veces, non se sabe moi ben como aparecen, mais acaban instalándose. Unhas para ben e outras, por desgraza para mal. Polo menos eu non as vexo axeitadas no mundo que vivimos. Así hoxe é común cear sardiñas asadas a carón da cacharela na noite de san Xoán, mais esta é unha tradición que se foi instalando en toda Galicia nos últimos corenta anos, antes so se facían nalgúns lugares e parroquias. Outros costumes que a min non me gusta chamar tradición estanse instalando para desgusto de moita xente. Falo en concreto de tirar viño tinto á xente que vai a unha festa ou romaría. A xente xa se acostumou a ir con roupa para manchar de viño tinto e logo tirala. Hai unhas festas ás que non vou precisamente por iso. Unha que me gustaba moito e que foi perdendo moito con isto de facer batallas de viño foi o san Fins do Castro no concello de Cabana de Bergantiños. Esta festa na que as familias xantaban xuntas na carballeira, enriba de colchas e mantas colocadas no chan e que agora se fai en mesas de madeira, tiña varias cousas importantes, o máis coñecido é o "Berro Seco", que instaurou o cura de Cesullas Saturnino Cuíñas Lois, da parroquia da que depende o San Fins, dende o palco dirixe o "Berro Seco" na que os romeiros en postura de crequenas (dobrado o corpo cara diante) e os pes colocado a xeito trenco e xuntando os xeonllos, agardan polo sinal do párroco para saltar e berrar ao mesmo tempo o berro de "oouuuu..." tres veces. Cando vivín en Bergantiños, o meu amigo e profesor Xelucho Abella, dicíame que era urro (berro forte) que botaban os canteiros cando levantaban pedras. Agora que vivo aquí entendo mellor o tema xa que Saturnino Cuíñas era orixinario de Cotobade, terra de canteiros. Para escribir este artigo chamei ás amigas de Ponteceso e dinme que xa non se tira o viño, que os veciños puxéronse duros e xa non se deixa facer. Alégrome, volverei alí este 1 de agosto. Outro sitio onde se desterrou este mal costume foi no Pelete, comentábame o dono do bar que hai a carón da capela da virxe do Remedios que conseguiron eliminar ese costume, en setembro é a festa e xa se pode ir tranquilo sen que te abafen co viño.
Un deses malos costumes estase instalando na Boa Vila nas festa do entroido. Dende fai uns anos hai unhas moreas de mozos (os máis) e mozas (as menos) que se citan en Montero Ríos e Riestra, aínda que tamén van por outras rúas da "zona". Cítanse para facer "batallas" de ovos e fariña. A idade destes mozos vai dende a preadolescencia ata a adolescencia. Nos derradeiros anos medrou a cantidade de xente que se cita a causa das convocatorias polas redes sociais. Despois das "batallas" o chan e paredes quedan emporcados, patínase e hai que andar con coidado de non caer ou luxarse. Non lle queda outro remedio aos donos de locais e edificios emporcados que lavar e fregar a desfeita. Esta mocidade, para facer esta falcatruada, conta con dúas vantaxes a primeira é que saben que a actuación da forzas da orde para disolvelas é lenta xa que nas datas que se celebra, sábado e martes de Entroido, hai moita xente na rúa o que dificulta a actuación e en canto ven á policía bótanse a correr, por riba con xente arredor divertíndose, e pola outra banda, e para min a máis desalentadora, é que moitos contan co beneplácito das familias. Este ano a maiores dos ovos e fariña tamén houbo tomates, vin a grupos de adolescentes con chuvasqueiros ou blusas de augas, mais tamén con cascos. Isto estrañoume ata que vin a varios con bolsas de tomates. Mirei como se tiraban os ovos, os tomates e a fariña. Tamén vin ao axexo, tras as esquinas dalgunhas rúas, a algúns pais que vixiaban que os seus cachorros se divertisen pero que non lles pasase nada. Non lles importaba que emporcaran todo, nin que se manchara a rúa ou as paredes das casas, iso era secundario, o importante era que o neno se divertira. Escapóuseme un: "isto que carallo é¡", "vaia incultura!". Ao meu carón había un home, supoño que pai dun deses vándalos, que me sentiu e díxome: "calmese hombre, aún le va dar algo, los jóvenes tienen que divertirse", ao ver o meu enfado. Contesteille que iso non é diversión, que iso é unha barbarie, que hai moita xente que pasa fame e que para divertirse catro nenos non fai falla tirar comida nin manchar nin rúas nin edificios. Replicoume dicíndome que era o xeito de facer un carnaval "libre", que "ya está bien de que haya que hacer las cosas por la norma, que lo que hacen los chavales es lo que hacen en Ourense en el domingo fariñeiro o tirando hormigas". Non lle contestei, sentinme na ONU como Antonio Guterres co de Gaza e o xenocidio do goberno israelí cos palestinos, ten razón pero ninguén para a guerra. A min pasoume o mesmo, sei que teño razón. Sei que tirar alimentos non é de ben educados, e menos con xente pasando fame,ou polo menos a min ensináronmo así. Sei que teño razón, pero si os pais non ma dan, que son os que educan aos seus fillos, quedo parvo. Sei que é un problema de educación. Pouco podo facer, agás mancharme de mestura de ovos, tomate e fariña. Mais pensándoo ben si se pode facer algo. Algo que xa se fai nalgúns concellos e é sacar un bando do concello prohibindo estas "batallas" e metendo multas. Parece ser o único xeito de que algúns aprendan. Ou tamén como fixeron no san Fins do Castro ou no Pelete que os veciños acaben eliminando estes malos costumes que nunca serán tradicións.