Manuel Pérez Lourido
Pokemon e a compaixón
Hai uns días botaron en V Televisión caldeiros de información sobre o tema Pokemon, a rede de corrupción que, con epicentro en Lugo, está a salpicar de lixo a moitos cargos públicos do PP e do PSOE en diversas cidades galegas. Poño a TVG pero alí non botan nada disto porque a TVG é máis de programación infantil: Os mundos de Yuppi e cousas desas.
O caso é que a estratexia xeneralizada dos concelleiros e alcaldes acusados de nepotismo ou enchufismo é a de gabarse da súa innata tendencia á compaixón. Se algunha vez fixeron por colocar a alguén, foi pola súa dificilísima situación persoal ou familiar desa persoa. Facendo do vicio virtude, explican como cada día reciben visitas de xente desesperada solicitando unha axuda (léase emprego) e claro, non hai cristián que se resista... o caso é que non din porque axudan a uns e a outros non. O caso é que xente tan dada á misericordia no debera dedicarse á política: non se da abasto con tanta compaixón.
Estas persoas tan caritativas acoden diante das cámaras cun aceno de desesperación nas facianas, devecendo por empregar o xabón mediático para quitarse un pouco de merda de enriba. Quéixanse de toda a merda que lles está a caer enriba. Non o din con estas palabras, que para falar ben son máis mirados que para buscarlle traballo á xente sen enchufe.
Chama tamén a atención a grande cantidade de implicados (puxéronlle o nome de Pokemon porque hai uns 700 monicreques nesa serie animada). Semella que o seu lema en España, "Hazte con todos", referido ao merchandising, resume moi ben a cobiza que levou á empresa Vendex a captar políticos de diversas cores. Estes que andan agora chorando polos platós e que levan a PP e PSOE á vergoña de poñerse de acordo para que no Parlamento galego se fale diso o menos posible.
Diante destes políticos, das súas explicacións de vinte minutos para non dicir máis do que xa dixo o sumario, das súas apelación ao corazón de melón que non lle cabe no peito, un non deixa de pensar en Xosé Luís Baltar. Ese home que facía basicamente o mesmo ca eles, pero compulsivamente. Tiña todo un gravísimo TOC no tocante en colocar a xente "con referencias" en postos públicos. Nin ingresándoo nun centro de rehabilitación tería don Xosé Luís remitido no seu incesante vicio; tivo que ser un xulgado e unha sentenza.
O peor das similitudes entre Pokemon e o entramado corrupto e que a serie de debuxos, despois de varias tempadas de centos de episodios, perpetuouse con outros produtos protagonizados por algúns outros personaxes...