Antón Roel Villanueva
Abrir o xardín de Sanidade á cidadanía
Era o noso bosque animado nos dourados días da infancia, cando navegar era facer un barquiño de papel e botá-lo río abaixo no Gafos, nos tempos das lavandeiras e do xabrón Lagarto. Alí, toda a sabedoría e ensinanza collíase da enciclopedia de Álvarez Limeses. O noso pai, como moitos outros, tiña que vender o seu sangue para sobrevivir e ía á Sanidade cada certo tempo. Nós, mentres tanto, quedábamos a xogar no xardín. Lembro que tiñamos que portarnos ben, pois ameazábanos con deixarnos no daquela reformatorio que estaba ao carón.
Agora o xardín pertence á Xunta, sen uso e bastante abandonado. Sería doado que o cederan ao Concello e o acondicionaran para o desfrute dos veciños. Poderían poñer unha pontella nunha porta que xa existe, unindo-o coa carballeira Manuel María no Gafos. Tamén sería necesario derrubar un muro para unir a parcela que os veciños recuperaron en Alcalde Hevia, onde Vaipolorio colocou unha placa de agradecemento. Así lograríamos un gran parque para o desfrute da veciñanza.
É unha mágoa que un espazo tan fermoso e sen uso non poida ser desfrutado polos veciños. Agora que temos un presidente da Xunta que é noso veciño, supoño que non tería inconveniente en cedelo para que todos o coñecesen e desfrutasen.
Lembro que ia bacinarse os soldados, nós sentadiños nas escaleiras de pedra, observábamos como desfilaban e o susto cando algún se mareaba e caía ao chan. Tamén nun galpón ao seu carón, nun tempo no que se dispensaba leite en pó e queixo da axuda americana. Neste tempo da primavera, era cando lucía o xardín mais fermoso, con rosais, camelias e magnolias en flor. Tiña un horreo e un pombal, e tamén árbores que Jaime Blanco e Amancio Castro catalogaron no seu libro de Árbores da Cidade. Nese espazo e nas beiras do río, recollíamos todo o que precisabamos para facer os Maios e a Santa Cruz, e transportábamos a leña no tempo das fogueiras polo San Xoán. Era a nosa despensa da natureza.
Así como se abriu para o desfrute dos veciños os xardíns da Uned en Monteporreiro, tamén se podería abrir o de Sanidade para o disfrute da cidadanía e non telo abandonado. Noraboa ao Concello e á Deputación por dotar dun novo espazo para o lecer nas marismas de Alba, onde se atopaban os talleres e a Imprenta da Deputación. Agora só lle queda a Fenosa retirar o transformador e as torretas de alta tensión, pois nese espazo de natureza xa non pintan nada e afean a paisaxe. Sempre é moi boa idea recuperar espazos para o lecer, sobre todo sen un gran custo, como sería o xardín de Sanidade, agora baleiro sen uso ningún. Agora que se consinte unha tala masiva de pinos no Piñeiral da praia da Cabeceira en Lourido, algúns deses pinos centenarios serviron de modelo para cadros e debuxos de Castelao.