Marta Rodríguez Engroba
Dignidade e privacidade, dous dereitos elementais vetados aos máis vulnerables
Pero si hai algún colectivo para o que este castigo se converte xa nun calvario sen precedentes, é para o das persoas máis vulnerables, que precisan axuda dalgunha institución, entre os cales, se atopan, por suposto, as vítimas de violencia de xénero, mais hoxe, reitero, falo en nome de todos aqueles colectivos integrados por persoas en situación de vulnerabilidade.
Calquera se pode ver nesta tesitura cando menos o agarde. Un divorcio, a perda do emprego, maltrato... son moitas as razóns polas que unha persoa que, ata ese momento levaba unha vida seguramente sen luxos, pero normal, mesmo razoablemente acomodada, se atope un bo día con que non pode facer fronte aos gastos máis básicos e en risco de perdelo todo, mesmo o teito baixo o cal vive.
Por circunstancias sobre as que, por razóns obvias, non podo dar máis detalles, esta semana tocoume vivir moi de preto o "circuito" de todo o proceso para acceder a unha axuda dos Servicios Sociais para tentar evitar que unha persoa o perda todo, desde a subministración dos servizos mais básicos, luz, gas... ata a vivenda por non poder facer fronte ao aluguer.
Como é habitual, a persoa afectada tardou en tomar a decisión, nunca doada, de pedir axuda aos Servizos Sociais.
A esperanza, case sempre infundada, de poder reconducir a situación por si mesma, e ese pudor, ou mellor dito, vergoña, de confesar a debilidade, fai que na maioría dos casos, cando se toma a decisión, os prazos de actuación sexan moi axustados, o cal dificulta aínda máis o que xa non é fácil.
Vaia por diante que, no caso do que estou a falar, se trata dunha persoa que está acostumada a manexar papeis e a facer trámites, e os traballadores sociais designados para axudala son do mellorciño, pero, con todo e iso, o proceso é, non vou dicir complicado porque me quedaría curta, moi curta.
Eu creo que, sen temor a esaxerar, se pode cualificar de inhumano.
Para comezar, hai que ter en conta o lamentable estado emocional no que esas persoas chegan aos despachos dos traballadores sociais, cando non tamén físicos, por factores que poden ir desde os malos tratos, ata os derivados de malnutrición, ansiedade, depresión... provocados pola situación de necesidade que están a vivir.
Unha vez exposto o seu caso e as necesidades máis urxentes que se van intentar cubrir o primeiro que lle van dar é un listado máis que longo de documentación que precisa recopilar, da que a veces non dispón, de feito case nunca, e de trámites que ten que realizar
Só lelo, esgota, e máxime se, como lle pasa a unha porcentaxe moi elevada de persoas, non saben nin por onde comezar.
O que si comeza é unha carreira sen freo na que todo é "para onte".
Para máis inri, en contraposición con ese "para onte" que lle esixe o traballador social, vaise atopar con ese "Volva Vd. mañá" que segue tan de actualidade como cando Mariano José de Larra acuñou o termo, cando non é para a vindeira semana ou a seguinte, das administracións, mentres o prexudicado ou prexudicada continúa coa sua carreira dunha a outra, a instancias do traballador social que non deixa de repetirlle que é moi urxente, que non o deixe, que non se pode agardar máis, como se estivera nas súas mans arranxalo, ou tivera unha chistera da que sacar os documentos por arte de maxia.
Hai trámites que se poden facer online se dispoñen, claro está, do equipo e dos coñecementos precisos... Que ben, canto lles "facilita" a vida!
O máis frecuente é que se atopen con páxinas que, ou ben non funcionan nese momento, ou que si o fan , pero que, desde que acceden a elas, os botan fora unha e outra vez, que lles piden un contrasinal, e outro, e outro... ademais de ter que dispoñer de dous dispositivos, porque se o fan no ordenador as claves de acceso van chegar por SMS, ou por mail.
E todo isto mentres o traballador social continúa presionando porque os prazos corren e o tempo se lles bota enriba, sen decatarse de que, lonxe de motivar á persoa, o que están é conseguindo que chegue un momento no que, non podendo mais, porque están emocionalmente desfeitos, desistan de seguir adiante, sentíndose incapaces de continuar soportando máis presión e coa mente totalmente rebordada.
Soamente queren que ese calvario remate xa, e non son poucos os que tiran a toalla na medio do proceso, e que pase o que teña que pasar.
Non é desleixo, como moitos semellan crer, non é pasotismo. É, sinxelamente, que xa non poden máis.
Por non mencionar que se todo isto que estou a contar, que é totalmente real e que afecta a unha persoa cunha formación aceptable, no caso de que non sexa así,é practicamente imposible que fagan fronte a todo este proceso soas, sen alguén que as axude, xa que, ademais, dase por sentado que son persoas que non teñen outras obrigas, que poden dedicar todo o día, perdón, toda a mañá, porque polas tardes nos organismos oficiais non traballa ninguén, a peregrinar de organismo en organismo e de ventanilla en ventanilla.
Se teñen fillos, maiores ou persoas dependentes ás que atender, algo moi frecuente, ou se traballan unhas horas en precario para poder, alomenos, mercar algo para comer, iso é algo que ninguén se para a considerar.
Son moitas as bágoas vertidas mentres contan que se senten incapaces de continuar adiante, que están totalmente bloqueados, ou que, directamente, optan por desaparecer, porque chegaron ao límite... Lamentable, pero totalmente real.
Hai, ademais, un factor que non se ten en conta ou non se lle dá a importancia que merece, que é que a ninguén lle gusta ver os aspectos máis íntimos da súa vida espallados enriba dunha mesa, por moito que se entenda que, para que esa axuda chegue, se é que chega, hai que demostrar que realmente se precisa, e aínda así... En fin.
Pero, como case sempre, o factor humano é o que menos conta, por non dicir que se ignora case por completo.
E falta o peor, que é cando, de súpeto, o traballador social, lle anuncia que tal día a tal hora vai pasar pola súa casa, para vela, para ver como vive... malia que a problemática que a levou a solicitar axuda non teña absolutamente nada que ver coa súa vida nesa vivenda.
Non hai , neste caso, menores que poidan estar en risco, a persoa vive soa, leva unha vida absolutamente normal... Sinxelamente quedou sen traballo e non pode facer fronte aos gastos básicos. Non hai mais "misterio".
Sen opcións, sen pararse a preguntar se ten inconveniente nesta visita, se pode ese día a esa hora... nada, invadindo o único recuncho de tranquilidade, a súa contorna máis íntima, o seu refuxio, porque as persoas vulnerables non teñen, polo que se ve, dereito a intimidade, a dignidade mais elemental.
O sistema xa se apropiou da súa vida, sen decatarse do miserables que están a facer a esas persoas e que van violar o único sitio no que aínda se sentían alguén.
Non hai piedade para os vulnerables, e tampouco escrúpulos para privalos dos poucos dereitos que lles quedaban, dignidade e privacidade.
Que triste e que cruel!