Manuel Pérez Lourido
Unha cita diante da Peregrina
Neste inverno de temporais furiosos e cidadáns furibundos, resultan alentadoras iniciativas como a que traemos a esta páxina.
Dende mediados de decembro un grupo cada vez máis numeroso de pontevedreses congrégase cada sábado diante da Peregrina en defensa da sanidade pública e en contra das medidas privatizadoras.
Non os convoca alí ningunha sigla política nin organización sindical ningunha, ningunha ONG, ningunha agrupación cultural; tan só o desexo de loitar por defender un sistema que conseguira situarse entre os mellores do mundo.
De doce e media a unha en punto, horas ás que despregan e recollen as pancartas seguindo as pautas sonoras do carillón que os contempla, o número de manifestantes vaise incrementando cada semana.
Esta iniciativa, filla da espontaneidade e da coraxe, non tivo cobertura mediática, padriños destacados ou cadelo que lle ladre, pero impón o seu sentido de sociedade civil a pé de rúa e marca un camiño aos que non conciben outro medio de participación democrática que a convocatoria electoral.
O grupo disgrégase para sacudirse a auga e o frío pasada media hora e boa parte deste remata a mañá no Parvadas, reanimando o organismo.
Dixo Julio Anguita, tan dado ao vicio da reflexión: "non hai democracia sen determinación".