José Freire
A Virxe, condecorada
A bo seguro que a moitos dos lectores lle terá pasado desapercibida a nova de que, o Ministerio do Interior lle concedeu a Medalla de ouro ao Mérito Policial á Virxe María, baixo a advocación da Nosa Señora María Santísima do Amor.
A nova aparece na Orde Xeral do Corpo Nacional de Policía, de data 3 de febreiro de 2014, e di así: "Vista la propuesta de concesión de la Medalla de Oro al Mérito Policial, con carácter honorífico, elevada a este Departamento por esa Dirección, en favor de la Advocación Mariana Titular de la Real, Excelentísima, Muy Ilustre y Venerable Cofradía de Culto y Procesión de Nuestro Padre Jesús 'El Rico' y María Santísima del Amor, Cofradía con la que el Cuerpo Nacional de Policía mantiene una estrecha colaboración, principalmente en actos celebrados durante la Semana Santa y con la que comparte una serie de valores como la dedicación, el desvelo, la solidaridad y el sacrificio; previo informe favorable de la Junta de Gobierno de la Dirección General de la Policía, celebrada el pasado día 31 de enero del año en curso, y por considerarlo comprendido en los artículos 4º y 5º de la Ley 5/1.964 de 29 de Abril y demás disposiciones concordantes, ESTE MINISTERIO ha tenido a bien conceder a Nuestra Señora MARÍA SANTÍSIMA DEL AMOR, la Medalla de Oro al Mérito Policial, con carácter honorífico. Lo que digo a Vd. para su conocimiento y efectos. Madrid, 3 de febrero de 2014. EL MINISTRO DEL INTERIOR. Jorge Fernández Díaz".
Unha vez máis, e aínda que a destinataria sexa a mesma Nai de Deus, o Ministro Fernández volve a incumprir a norma pola que se outorgan as condecoracións ao Mérito Policial, nas súas distintas modalidades. E asemade, un fervente católico como el, debe saber que iso tamén é pecado.
A Lei a que se fai mención cita como destinatarios das condecoracións aos membros e funcionarios que integran o Corpo Nacional de Policía, así como outros compoñentes dos restantes Corpos e Unidades integrados nas Forzas de Seguridade do Estado, cando se estimen algunhas das circunstancias esixidas para a súa concesión (resultar morto ou ferido gravemente en acto de servizo, ter unha actuación exemplar e extraordinaria, destacando polo seu valor, capacidade ou eficacia reiterada no cumprimento do servizo con prestixio para a Corporación), ou excepcionalmente a persoas ou institucións alleas as devanditas Corporacións, cando se fagan acredoras a ilo pola súa decisiva colaboración con aqueles funcionarios, practiquen actos de relevante importancia en defensa da orde, das persoas ou da propiedade. Máis en ningures figuran seres ou entes divinos.
Para os que somos crentes, a Virxe ten méritos moito máis importantes que os que lle quere dar o Ministro do Interior. Nin máis nin menos que ser a nai de Deus, que se fixo home para facernos libres e salvarnos do pecado. Por iso coido que esta condecoración á Virxe a trae sen coidado.
A bo seguro que estaría máis leda e agradecida se o Ministro e o resto de gobernantes se preocupasen máis dos seus semellantes: polos homes e mulleres que pasan fame; polas mulleres vítimas da violencia de xénero; polos desafiuzados; polos que pasan frío porque non teñen para quentarse; polos parados; polos enfermos que non teñen para medicinas; ou polos que morren afogados intentando chegar a unha vida mellor.
Deixe de honrar á Virxe con medallas e fágao con obras, que llo terá máis en conta de cara ao día do xuízo final.
Xa sabe que a fe sen obras é fe morta. E vostede obras boas, máis ben poucas.