Ramiro Espiño
E isto como o arranxamos? (II)
Alá polo mes de decembro de 2012 escribía unha columna con este mesmo título. Aínda que o contido e o que entón pretendía poñer de manifesto non teñan nada que ver co que quero expresar agora. Na devandita columna remataba dicindo: "arranxámolo se todos remamos na mesma dirección. Se o facemos podemos ir mellorando e saíndo da profunda focha en que está metido o club, pero certo é que para que os remeiros remen alguén ten que marcar o rumbo, empezando por coser a cantidade de descosidos xerados nos últimos tempos".
Así, empezando polo final, non vexo outra saída que remar na mesma dirección. E esa é a reflexión que me gustaría transmitir á situación que atravesa o Pontevedra CF e ao clima de división e enfrontamento que se vive nun momento crucial non xa da tempada, senón posiblemente da historia do club.
Se os tres últimos anos foron un constante cúmulo de despropósitos que nos levaron ás máis baixas cotas da historia granate, con actitudes, feitos, decisións e personaxes que non é preciso comentar de novo por ser amplamente coñecidos de todos, o sucedido na última xunta de accionistas e os ríos de tinta provocados dende entón, creo que deberían facernos reflexionar a todos.
Hai que poñer fin ao clima de enfrontamento que agora mesmo se vive entre a "familia" granate. Si, "familia", porque aínda que agora mesmo sexa unha familia enfrontada, dividida e mal avida, segue sendo iso: "familia". Polo menos éo no que se refire a aqueles que queren e senten o Pontevedra.
E non teño ningunha dúbida, NINGUNHA, de que os membros da Asociación de Peñas, de Acción Granate, queren o Pontevedra. Sénteno. Sofren e ilusiónanse con el e por el. Non podería ser doutro modo xa que nada sacan nin lles move ningún interese máis que ver gañar ao seu equipo, ao que dedican tempo e diñeiro para acudir aos partidos, desprazarse, animalo. Estiveron nas "maduras" e seguen estando nas "duras". Son dos poucos que non abandonaron cando o seu equipo empezou a rodar costa abaixo cara ao precipicio actual. Son tamén os primeiros que queren e soñan con velo saír do pozo.
E non teño ningunha dúbida tampouco, NINGUNHA, do granatismo de Ricardo Tilve, do seu amor e paixón polo Pontevedra. Non fai falta recordar tantos momentos e feitos nos que Tilve estivo do lado do Pontevedra e do lado dos seus afeccionados, como un máis deles. Vivindo e sufrindo con eles.
Pode que o bo de Tilve equivocárase ao elixir algúns "compañeiros de viaxe", ao aliñarse ou apoiarse nas accións dos que sobradamente deixaron claro que, a diferenza do propio Tilve e dos afeccionados, o Pontevedra lles importa máis ben pouco. Precisamente eses que poden considerarse os verdadeiros responsables da situación de "guerra civil" que se vive cun importante sector da masa social, que se sentiu agraviada, máis pola forma que mesmo polo fondo.
Como pode que ese mesmo sector de afeccionados se equivocase nos termos utilizados na xa tristemente famosa "pancarta da discordia".
O sucedido tras esa xunta de accionistas e especialmente tras esa polémica pancarta, cunha sucesión de declaracións e adhesións por distintas vías en favor ou en contra duns e outro, non creo que contribúa precisamente a arranxar as cousas nin a conseguir a paz social imprescindible para alcanzar o obxectivo que, quero pensar, é o que de verdade importa a todos, que non pode ser outro que o ben do Pontevedra.
Nin Tilve merece pasar de "heroe" a "vilán", nin os integrantes da Asociación de Penas deben ser "demonizados" polo único "pecado" de querer o Pontevedra. Iso si, un e outros, polo ben do propio Pontevedra, deberían facer os esforzos necesarios para reconducir a desagradable situación actual e recuperar a unidade perdida.
E esa é a única resposta que se me ocorre ao titular desta columna: "E isto como o arranxamos?" Pois con diálogo, co amor e a paixón que un e os outros teñen máis que demostrado ao Pontevedra.
O próximo luns o novo consello de administración reúnese por primeira vez. Cos bos oficios do actual presidente, que ha de exercer de árbitro, espero de todos os que van ocupar un asento no órgano reitor un exercicio de comprensión e boa vontade, de entendemento entre eles, antepoñendo o ben do Pontevedra a calquera outra cuestión. Que sexan capaces de apagar unha cacharela que ameaza seriamente o futuro do club.