José Freire
Unidades de intervención policial
Durante os últimos días o C.N.P. e moi especialmente os membros da Unidade de Intervención Policial de Galicia, mal chamados anti-disturbios, con sede na Coruña e Vigo, foron obxecto de duras críticas por unha parte da opinión pública e dalgúns políticos, acusándoos dunha intervención "brutal" nos incidentes acaecidos o pasado día 11, con motivo da manifestación dos pescadores do sector do cerco de Galicia.
Díxose de todo e faltando á verdade. E non é a primeira, e moito me temo que non será a última, en que estas Unidades se vexan sometidas a un nivel de crítica tan desaforado e inxusto. E o único que fan é cumprir coa misión constitucional de protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá.
Un dos principios básicos de actuación dos membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado, é a súa adecuación ao ordenamento xurídico, impedindo no exercicio da súa actuación profesional calquera práctica que entrañe violencia física ou moral. Tal e como ven a dicir a Lei Orgánica 2/1986, no exercicio das súas funcións, os membros das F.C.S.E., deberán actuar coa decisión necesaria, e sen demora, cando de ilo dependa evitar un dano grave, inmediato e irreparable, debendo utilizar os medios ao seu alcance, rexéndose polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade.
E iso mesmo foi o que fixeron o derradeiro día 11 en Santiago. Só actuaron, a pesar das continuas provocacións, cando os manifestantes comezaron a lanzar pedras, botellas, tapas de sumidoiro, bengalas... ÿ certo que estamos nun País libre, democrático, pero de Dereito, onde cada un non pode facer todo o que lle veña en gana. Dotámonos dunhas normas de convivencia. E temos que decidir se este é un País serio ou un País bananeiro. E se te enfrontas a quen ten a potestade e obriga de defender a legalidade, faino con todas as consecuencias e sen victimismo.
Houbo agresión e resposta proporcional. Os membros da Unidade de Intervención Policial actuaron de forma acorde aos protocolos e á legalidade. Coido que é de xustiza o agradecerlles o encomiable traballo que veñen realizando día a día e que, ás veces, como esta, algúns non chegan a entender. A estes, e aos cidadáns en xeral, hai que dicirlles que son os mesmos que colaboran na protección de altas personalidades nacionais e estranxeiras; que participan na
Prevención, mantemento e restablecemento da seguridade cidadá; que interveñen en grandes concentracións de masas, reunións en lugares de tránsito público e espectáculos públicos; actúan e auxilian en caso de graves calamidades ou catástrofes públicas (moitos dos que actuaron o día 11, fixérono así mesmo sacando o maior número de vítimas do tren en Angrois); actúan en situacións de alerta policial declarada, ben pola comisión de delitos de carácter terrorista ou de delincuencia común e establecemento de controis e outros dispositivos policiais; ou interveñen en motíns e situacións de análoga perigosidade.
Pódese chegar a entender o comportamento dos que se manifestan porque están pasando unha situación extrema, máis non así o dalgúns políticos sectarios, que actúan máis como hooligans, á caza e captura de votos aínda que sexa a custa de incumprir a legalidade, que prometeron ou xuraron defender.
A pesar de todo, sempre nos quedará o máis importante: o recoñecemento do pobo galego e español á súa Policía, á que sitúa entre as institucións máis valoradas.