PontevedraViva Radio convidouno para falar do libro que editou este ano, 'A vida nun balón'. Trátase dun compendio de historias e anécdotas desde o primeiro Mundial de 1930 ata a actualidade. É un gran afeccionado ao fútbol e tamén á Historia, así que combinando ambos resultou este libro en que puxo o acento "no valor humano e o contexto en que viviron" os seus protagonistas.
Quen o lea darase conta da mutación do fútbol: do "amateurismo" dos primeiros Mundiais que viviron homes como Luís Monti, Obdulio Varela ou Matthias Sindelar coas súas particulares xestas persoais, ata o fútbol contemporáneo que está "dominado polo márketing, o merchandising e os contratos millonarios onde os futbolistas viven moitas veces absortos da realidade".
Reflicte tamén como réximes políticos fixeron uso do fútbol ou anécdotas; entre as cales hai unha que ten a Pontevedra como protagonista: o Trofeo Luís Otero xogado contra o Club Estudantes da Prata arxentino en 1967.
Roberto Mansilla fala tamén neste Cara a cara da violencia que exercen os 'hooligans', da transcendencia e influencia que as figuras do fútbol teñen ou dos intereses xeopolíticos que se ciernen sobre clubs, entidades futbolísticas, o Mundial de Qatar ou o pasado de Rusia.