O próximo mes de xullo cumprirase o primeiro ano da presidencia de Carmela Silva na Deputación de Pontevedra. Un exercicio no que por primeira vez a entidade está presidida por unha muller e por un goberno coaligado de socialistas e nacionalistas.
Nunha entrevista en PontevedraViva Radio, Silva desvelou a súa intención de someter a consulta dos alcaldes da provincia a política de xestión dos recursos económicos que reciben da Deputación: ben o sistema que desenvolvía o goberno do PP, ou o sistema polo que optaron desde o actual goberno provincial.
O nuevo 'Plan Concellos 2016' posto en marcha polo bipartito PSOE-BNG, non reserva ningunha cantidade de cartos para libre designación da presidenta nin do seu equipo de goberno que renunciou expresamente a toda capacidade discrecional. O anterior goberno do PP reservaba un 20% do orzamento para que o presidente concedese "a dedo".
O plan está dotado con 47,5 millóns de euros, que se reparten "con criterios obxectivos" entre os 60 municipios de ata 50.000 habitantes (todos os da provincia salvo Pontevedra e Vigo, que non entran no plan e cos que a Deputación colabora a través de convenios especiais).
"Teño pensado convocar a todos os alcaldes da provincia para facer unha valoración do Plan Concellos e voulles a preguntar ¿que modelo prefiren vostedes?, ¿o modelo que tiña o señor Louzán ou este novo?. Elixan e dígano publicamente. Porque se prefiren o outro modelo estudarémolo", dixo Carmela Silva nos micrófonos de PontevedraViva Radio.
A presidenta tamén esixiu aos concellos gobernados polo Partido Popular que limpen as súas praias de maneira inmediata dado o comezo da tempada estival en poucos días. Así de contundente quixo deixar claro que "en ningún momento debe ser a institución provincial quen asuma este tipo de traballos xa que non é a súa competencia" e, en segundo lugar, lembrou de novo que o Plan Concellos xa transfire os fondos económicos para que os propios concellos podan contratar persoal e comprar a maquinaria necesaria para adecuar as súas praias.
Carmela Silva tamén comentou que nos vindeiros anos de mandato está decidida a demostrar aos pontevedreses "que hai futuro e hai esperanza" polo que a Deputación impulsará proxectos que "devolvan á xente a dignidade de vida que moitos, demasiados, perderon nestes anos". Fala de emprego e desenrolo económico pero tamén de facer das Rías Baixas un "referente en innovación, vangarda e modernidade" cunha especial atención "ao gran talento que hai na provincia".
Para iso a presidenta da Deputación considera que a fórmula é "contar coa cidadanía, facendo que entren nas administracións, preguntándolles e escoitándolles".