É ferrolá de orixe e nacemento, aínda que desde hai un par de décadas reside en Pontevedra. Aquí vive co seu marido, Fernando e os seus dous fillos: Dinke e Tsegaye. Tamén neste campus exerce a súa profesión como directora daEscola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, a Esdemga. Anteriormente como profesora da Facultade de Belas Artes. E por se lle faltaba tempo, durante cinco anos foi concelleira do goberno local de Fernández Lores.
Antes de ter idade para ir ao colexio, xa lle regalaron unha carteira e percorría os corredores da casa familiar imaxinando que alí ía e viña. Cando xa tivo idade, di algunha compañeira que a lembra sempre cun libro de lectura dentro doutro libro.
Descubriu as Belas Artes en BUP e comezou a vivir a súa independencia na Salamanca universitaria dos 80. A súa incursión no mundo laboral estivo entre a capital charra, a capital española e a instancias dun profesor, Pedro Garel. Seguidamente presentouse Pontevedra, primeiro como alumna e logo como docente.
Afirma que foi desenvolvendo as súas estratexias para ir desfacéndose da súa timidez. Quizá sexan esas rémoras a que lle fan rir con pudor ao escoitar que lle digan esa frase televisiva de: "que mona vai esta moza sempre". E sen nada a cambio, aí vai un consello: para ter estilo e vestir ben hai que recoñecerse a si mesmo.
Apenas ve televisión, bota de menos as charlas sobre política que mantiña co seu pai, a primeira cassette que mercou foi un agasallo para o seu avó Antón co que coñeceu as "rancheras"; e sabe por experiencia que a personalidade dos seus fillos tamén se moldea cando escoitan aos maiores que teñen ao redor; o mesmo que lle ocorreu a ela - musicalmente mesmo -, co seu irmán e os seus curmáns.
Xunto a todas esas pegadas masculinase nesta semana histórica do 8M dí nesta Playlist de Pontevedra Viva Radio que sente agradecida de poder ver "este momento tan importante" no que "emerxe un brío que desde hai anos non se vía".