Condenado a tres anos de cárcere o cliente dun ‘after’ por agredir un home e estalarlle o globo ocular
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial condenou a tres anos de cárcere o cliente dun pub ‘after hours’ de Pontevedra que, na madrugada do 3 de abril de 2022, tras saír do establecemento, lle propinou unha puñada no ollo dereito a un home provocando o estalido do seu globo ocular.
O tribunal provincial considera a este home autor dun delito de lesións en concurso ideal cun delito de lesións agravadas cometidas por imprudencia grave.
A vítima, segundo a sentenza, sufriu traumatismo facial con estalido do globo ocular dereito e integridade de estruturas óseas; e ferida contusa en cola de cella dereito.
Como secuelas, réstanlle perda de agudeza visual e de cristalino e deformación do globo ocular, o que provoca que precise un vehículo adaptado ás súas limitacións visuais e que estea limitado de forma parcial para a realización das súas actividades como traballador da construción.
O tribunal, ademais da pena de cárcere, impúxolle ao procesado o abono dunha indemnización á vítima de 83.001 euros.
A Sala absolveu outro acusado de cometer un delito leve de lesións, polo que compareceu como presunto autor; e doutro delito de lesións, polo que compareceu como cooperador necesario.