Construcciones Crespo entra en concurso de acredores
Por Redacción
A crise segue cebándose co sector inmobiliario pontevedrés. A empresa Construcciones Crespo entrou en concurso de acredores, segundo a información recollida no Boletín Oficial do Estado (BOE).
O secretario xudicial do Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra ditou o 20 de xaneiro o auto polo que se declara en concurso a constructura con domicilio no Gorgullón de Pontevedra.
O Xulgado acordou a intervención das facultades de administración e disposición que seguirá exercendo a empresa e designou, como administrador concursal, a José Taboada Calvar. Seguindo o procedemento habitual, fai un chamamento dos acredores para que comuniquen á Administración Concursal designada a existencia dos seus créditos que deberán efectuar conforme ao previsto no artigo 85 da LC, á dirección postal ou electrónica indicadas no punto anterior, no prazo dun mes a partir da última data de publicación deste edicto no Boletín Oficial do Estado no prazo dun mes.
Construcciones Crespo, S.A. publica na súa páxina web que ten a súa orixe nunha empresa familiar, fundada pola familia Crespo a principios do século XX. A constitución da empresa como sociedade anónima, tal e como se mostra hoxe, ten lugar no ano 1954. Dende o seu inicio especialízase no sector da construción de obra civil e estende a súa actividade a toda a rexión noroeste da Península Ibérica.
Durante ese período de actividade, Construcciones Crespo consolidouse no sector mediante a realización de obras de gran complexidade. En abril de 2007, froito dunha alianza estratéxica, as sociedades Mota-Engil e Raminova adquiren o 100% do capital social.