Xa se pode aparcar de balde na finca da Coca-Cola
Por Oskar Viéitez
Poio conta desde hoxe cun novo aparcadoiro disuasorio con 151 prazas de estacionamento libre e de balde, das que catro son para persoas con mobilidade reducida.
O alcalde, Ángel Moldes, visitou este luns o equipamento coincidindo coa apertura de portas, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón.
O estacionamento ocupa a antiga "Finca da Coca-Cola", unha parcela de 6.000 metros cadrados na rúa Valiña, na parroquia de San Salvador que levaba máis de 15 anos sen uso.
Nas últimas semanas, leváronse a cabo tarefas de acondicionamento e limpeza, retirada de material, mellora do firme e nos próximos días rematará coa instalación de puntos de luz para garantir a máxima seguridade.
O alcalde destacou que este luns "facemos realidade un compromiso que adquirimos na oposición cos veciños desta zona para dar resposta a unha demanda histórica", subliñou Ángel Moldes, ao tempo que recoñeceu que "os residentes neste lugar tiñan que facer auténticos malabares para atopar unha praza cando volvían do traballo".
O alcalde explicou que o desbloqueo do proxecto foi posible grazas a unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobada no pleno de agosto, e a sinatura dun convenio coa empresa propietaria dos terreos permitindo o seu uso inmediato con fins de aparcamento. Con todo, dixo que o obxectivo era abrilo antes, pero os trinta días de temporais continuados condicionaron a posta a punto do aparcamento.
Pola súa banda, a responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, destacou a satisfacción de recuperar estes terreos sen uso "para darlles unha nova vida e poñelos á disposición da xente nunha das zonas máis dinámicas e poboadas de Poio".
Máis de 5.000 persoas viven nun radio de 500 metros do novo aparcamento, entre eles case 1.500 só nas rúas Valiña e Benigno Esperón.