Condenado por agredir un compañeiro de pensión durante a pandemia por unha discusión por non levar máscara
Por Natalia Puga
Un home acaba de ser condenado a unha multa de 180 euros (un mes a 6 euros diarios) por un delito de lesións por agredir un compañeiro de pensión en Pontevedra durante a pandemia da covid-19.
Ocorreu o 24 de xullo de 2020, sobre as dez da noite. O condenado e a súa vítima compartían pensión en Pontevedra e iniciouse unha discusión porque o agredido non levaba máscara e empezou a toser preto dos fogóns onde se preparaban a cea.
Despois da discusión, o acusado ausentouse e apareceu de novo portando un calcetín cun obxecto contundente no seu interior e un pau que tiña un cravo sobresaíndo.
Con ánimo de menoscabar a súa integridade física, o acusado golpeou á vítima co calcetín na cabeza e co pau na zona da axila.
Por estes feitos, foi condenado en primeira instancia polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e, tras recorrer, pola sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. O condenado recorreu, pero o tribunal provincial desestimou a súa pretensión e confirmou a pena inicial.
A sentenza tamén lle impón o pago dunha indemnización de 6.121 euros á súa vítima e o pago ao Servizo Galego de Saúde dos gastos da súa asistencia médica.
Como consecuencia da agresión, a súa vítima sufriu lesións na cabeza e a axila polas que tardou en curarse oito días.
O acusado está diagnosticado de esquizofrenia paranoide de longa duración pola que segue tratamento psiquiátrico, sendo modificada xudicialmente a súa capacidade de obrar e atopándose baixo a tutela da Fundación Galega para a Tutela de Adultos (Funga). No momento dos feitos tiña levemente mermadas as súas facultades volitivas.