Quinta condena por conducir sen permiso para un condutor que nunca logrou sacar o carné
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo a súa quinta condena por conducir sen permiso a un mesmo condutor, todas impostas entre os anos 2015 e 2023.
Esta quinta condena implica o cumprimento dunha multa de sete meses e medio de prisión como autor dun delito contra a seguridade viaria na súa modalidade de condución sen permiso coa circunstancia agravante cualificada de reincidencia.
Nesta última ocasión, foi localizado ao volante na rúa San Roque de Vilagarcía de Arousa. Ocorreu sobre as 17:50 horas do 21 de xuño de 2022, cando conducía un Citroën Xsara pese saber que non podía facelo por non obter nunca o permiso conducir.
Primeiro foi condenado polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra e, tras recorrer, a sección segunda da Audiencia Provincial, desestimou o recurso e confirmou a condena previa.
Esta é a quinta condena tras catro xa firmes, todas elas por delitos de condución sen permiso, tres deles con penas de prisión e unha con pena de multa.
A primeira sentenza condenatoria foi firme o 5 de xaneiro de 2015 por un delito cometido o día anterior, o 4 de xaneiro de 2015. Nesta primeira ocasión, impuxéronlle unha pena de 16 meses de multa.
Catro meses despois, o 19 de maio de 2015, e mentres cumpría a primeira condena aínda, volveron impoñer unha sentenza condenatoria, a unha pena de 5 meses de prisión.
Tardou dous anos en volver ser condenado, o 2 de xuño de 2017, á pena de 6 meses de prisión.
A cuarta condena remóntase ao 14 de xaneiro de 2020, e supuxo unha pena de 5 meses de prisión.