Un ano e medio de cárcere para o dono dun albergue por agresión sexual a unha menor
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de condenar a un ano e medio de cárcere ao dono dun albergue de Vilanova de Arousa como autor dun delito de agresión sexual, de menor entidade, sobre menor de 16 anos.
O acusado chegou a xuízo na sección cuarta da Audiencia tamén por dous delitos de abuso sexual sobre menor de 16 anos, pero foi absolto por estas acusacións, en aplicación do principio in dubio pro reo.
Os feitos ocorreron o 23 de abril de 2021, cando tres menores acudiron, co consentimento dos seus proxenitores, a pasar a noite ao albergue do condenado, que nese momento estaba pechado ao público. Alí, comezaron a xogar a diferentes xogos (pilla-pilla, galiña cega, baixarse pantalóns etc.)/ etc.) e fixeron partícipe deses xogos a este home.
Segundo recolle a sentenza, unha das menores tirou do pantalón do acusado, quen, tras subirse o pantalón, "con ánimo de atentar contra a súa indemnidade sexual", colleuna no aire, sentou no sofá e colocouna boca abaixo sobre os seus xeonllos.
O relato de feitos probados da sentenza recolle que, tras darlle unhas palmadas no cu, baixoulle o culotte, quedando a menor co cu ao aire. Acto seguido, e tras taparse ela, agachou a súa cabeza sobre o glúteo da menor e procedeu a mordisqueala na perna xusto por baixo do glúteo.
Noutro momento da noite, dirixíndose á menor, levou dous dedos á boca, sacou a lingua e empezou a realizar movementos simulando sexo oral.
A continuación, colleu á vítima, que se achaba sentada no sofá, e, tras tirala encima das outras dúas nenas que estaban no chan sobre o edredón, comezou a xogar con elas ata que, nun momento dado, "colocouse no chan boca arriba e colleu á afectada e sentouna sobre o seu abdome, á vez que lle suxeitaba as pernas".
O tribunal asegura que non alberga "ningunha dúbida acerca de que os actos realizados polo acusado sobre o corpo da menor teñen un inequívoco carácter sexual" e subliña que "non se trata só de simples pedorretas na barriga ou de cóxegas, senón de accións que exceden do inocuo e do inapropiado, non podendo ter outra consideración diferente á de carácter sexual".
A sentenza, contra a que cabe posibilidade de recurso ante o TSXG, tamén inclúe a inhabilitación do acusado durante tres anos e medio para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleven contacto regular e directo con persoas menores de idade.
O tribunal tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse á menor, ao seu domicilio, centro escolar ou calquera outro no que puidese atoparse, e de comunicarse con ela por calquera medio durante dous anos e medio.
En concepto de responsabilidade civil, o procesado deberá indemnizar á menor con 1.000 euros polo dano moral causado.