Ángel Moldes acusa o alcalde de Poio de prevaricación e este o "invita" a acudir ao xulgado
Por Diego Espiño
O Partido Popular de Poio acusou este martes ao alcalde, Luciano Sobral, de actuar "con prevaricación" e con "políticas caciquiles propias doutras épocas" no seu día a día municipal.
Concretamente o voceiro dos populares, Ángel Moldes, refírese á contrucción dun muro na PO-308 á altura da Costa de Albar, unha obra, segundo Moldes, que "se estaba facendo sen licencia, nunha propiedade privada e contratada polo Concello de Poio, máis concretamente polo propio alcalde".
Ángel Moldes: "Existe unha estructura electoral, un entramado para captar e comprar votos"
Moldes baséase nun parte dunha patrulla da Policía Local que acudiu a inspeccionar esas obras, comprobando que non contaban con licenza e sinalando que o responsable desta "nos manifiesta que estaba realizando dicha obra para o Concello".
Para o responsable do PP esta actuación "confirma o que denunciamos moitas veces, que existe unha estructura electoral, un entramado para captar e comprar votos".
A pesar destas duras acusacións, Moldes non quixo confirmar se acudirán á xustiza, limitándose a sinalar que "os órganos do partido serán os que decidan".
O ALCALDE "INVITA" AO PP A PRESENTAR UNHA QUERELA
Como resposta a estas acusacións o alcalde de Poio, Luciano Sobral, declarou estar "moi tranquilo", ao tempo que anima aos populares "a presentar unha querela se consideran que hai prevaricación".
Luciano Sobral: "Invito ao señor Moldes e ao PP a presentar unha querela se consideran que hai prevaricación"
Sobral confirma a existencia do parte da Policía Local, ademais dun expediente aberto á obra por carecer de licenza, pero asegura que "aínda que o contratista que facía a obra dixo que era cousa do Concello, non temos nada que ver neste tema e por tanto actuamos con arreglo ao que corresponde cando hai un expediente, cando se detecta que unha obra non ten licenza".
O alcalde defendeu que "aquí non hai pokemons, nin cariocas nin sobres, aquí hai unha xestión eu creo que exemplar e en ningún momento se cometeu ningún tipo de desviación".