Unha recta final do ano con moita memoria en Marín
Por Redacción
As tres últimas semanas do ano serán intensas para a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, que presenta un programa de actos cheo de documentais, presentacións e un acto de homenaxe.
A programación de decembro inaugúrase o mércores 13 na Biblioteca Pública Municipal ás 20:00 horas, coa proxección do documental ACORDA, I Cartografía Musical de Memoria Histórica da Provincia de Pontevedra, que repasa algúns dos lugares de memoria e o alí acontecido, como no Pozo da Revolta, no lugar de Bagüín, en Marín.
O xoves 14, ás 20:00 horas, está prevista no salón de actos do Museo Municipal Manuel Torres a presentación da novela de Iria Morgade Valcárcel Quen escribirá a miña historia?, que toma como escenario o Mosteiro de Oia.
O mércores 20, tamén ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal, está programada a proxección do documental ACORDAMOS, II Cartografía Musical de Memoria Histórica da Provincia de Pontevedra, centrado en lugares protagonistas dalgunhas das loitas de principios do século XX: o agrarismo en Sobredo, o sindicalismo mariñeiro en Moaña, a loita veciñal contra o caciquismo en Lérez, a loita política en A Illa de Arousa, a batalla do profesorado pola creación dun ensino libre en Tomiño e a resistencia guerrilleira en Vilagarcía.
A programación remata o mesmo día que remata o ano, o domingo 31. Ás 13:00 horas no Paseo Alcalde Antonio Blanco celebrarase o acto anual de lembranza e homenaxe, coa intervención da escritora Iria Morgade Valcárcel e a participación de familiares de vítimas asasinadas o 31 de decembro de 1936.
Relacionadas:
-
A memoria volve a Marín co remate do ano, co habitual acto de homenaxe ás vítimas do franquismo
Por Redacción |
-
A placa da escultura Capela Solis, obra de Silverio Rivas, será corrixida
Por Redacción |
-
Marín volverá facer memoria para render homenaxe a Carmen Pesqueira, 'A Capirota'
Por Redacción |
-
Estrea do documental de memoria histórica 'Acordamos', centrado nas loitas de principios do século XX
Por Redacción |
-
Unha exposición para facer memoria e alertar das consecuencias de "reeditar o ideario franquista"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Presentan 'E se fose hoxe?', un proxecto fotográfico para "coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano"
Por Almu Dapena |
-
Marín lembra o 92 aniversario da II República cunha ofrenda floral e unha homenaxe a Xosé Fraga Iglesias
Por Redacción |