Estrea do documental de memoria histórica 'Acordamos', centrado nas loitas de principios do século XX
Por Redacción
A Deputación, a través do Departamento de Memoria Histórica, estreou este martes o documental 'Acordamos', un proxecto que dá resposta a unha das demandas recorrentes dos colectivos memorialistas: sinalizar os lugares de memoria.
Nesta ocasión as ubicacións da cinta teñen que ver coas loitas de principios do século XX: en Sobredo fálase de avances no agrarismo; en Moaña dos sindicatos mariñeiros; en Lérez, da loita veciñal contra os abusos caciquís; na Illa de Arousa, da loita política; en Tomiño, da batalla que deu o profesorado por crear un ensino libre; e en Vilagarcía, da resistencia e a guerrilla.
A peza reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa. A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro está na dirección técnica e realización, Tito Ledesma no son en directo, Conchi Carro na produción e Carmen Conde no guión e condución.
Segundo destaca a deputada María Ortega, 'Acordamos', é a segunda volta do proxecto 'Acorda', un primeiro documental-cartografía no que se puxo o foco sobre lugares moi singulares de represión franquista. Esta segunda entrega, subliñou a nacionalista, aposta por dar máis importancia á transmisión interxeracional da memoria unindo lembranzas de persoas maiores e a necesidade de coñecemento das persoas máis novas.
No documental, de feito, mistúranse figuras consagradas como Celina da Piedade, Malvela ou Luís Pastor con xente nova como Antía Muíños, Wöyza ou Son da Rúa, contando ademais con colaboracións moi especiais de rapazada, que participou na gravación dos vídeos tanto en Moaña como en Tomiño.
A deputada Ortega quixo sinalar tamén que a estrea do documental é un dos actos finais do departamento no mandato. Destacou, sen embargo, que supón o punto de inicio para seguir a espallar o contido, as ideas que o fascismo quería eliminar, dun xeito diferente. Subliñou que aínda que non será posible editar un libro como na primeira ocasión, distribuirase o audiovisual entre as asociacións para que o proxecten cantas veces queiran.
"Recuperar a memoria da xente do común, labrega, mariñeira, docente, que se xuntaba para intentar conformar colectivamente unha Galiza máis xusta non é só a mellor homenaxe que podemos facerlles. É o mellor caxato que temos para avanzar co paso firme na construción da sociedade que soñaron e lles foi arrebatada", salientou.
Pola súa banda, a directora artística Uxía, tamén sinalou que 'Acordamos' debe ser o punto de arranque de novos traballos para loitar. Salientou a necesidade de recoñecer o labor feito polo departamento de Memoria nos últimos catro anos e reivindicou que "a memoria non debe desaparecer do mapa".
Relacionadas:
-
Unha recta final do ano con moita memoria en Marín
Por Redacción |
-
Pontevedra, con moita memoria outro 12 de novembro: "Non daremos un paso atrás"
Por Almu Dapena |
-
“Que a música faga de reparación se a xustiza non fai xustiza“
Por Redacción |
-
A Deputación presenta unha publicación sobre a música galega represaliada durante o franquismo
Por Redacción |
-
A Deputación publica o diario do activista de Vilaboa José Casal mentres estivo preso en San Simón
Por Redacción |
-
Unha exposición para facer memoria e alertar das consecuencias de "reeditar o ideario franquista"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Presentan ‘Acordamos’ unha serie de videoclips para dar a coñecer lugares e feitos relacionados coa represión franquista
Por Oskar Viéitez |