Condenan a oito anos e seis meses de prisión un home por unha agresión sexual continuada a unha menor en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a oito anos e seis meses de prisión un home por unha agresión sexual continuada a unha menor de idade.
O caso, procedente do Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra, resolveuse mediante un acordo de conformidade.
En virtude do acordo alcanzado entre as partes, o acusado admitiu a autoría dun delito continuado de agresión sexual.
Ademais da pena de cárcere, o procesado aceptou a imposición de 9 anos de liberdade vixiada, con posterioridade ao cumprimento da pena privativa de liberdade.
Tamén aceptou a prohibición de aproximarse á menor, ao seu domicilio ou lugar que frecuente a unha distancia non inferior a 100 metros e a de comunicarse con ela por calquera medio, por un tempo de dez anos.
Igualmente, este home estará inhabilitado para exercer calquera oficio no que teña algún tipo de relación con menores de idade por un período de trece anos e seis meses.
En concepto de responsabilidade civil, o acusado indemnizará á vítima, na persoa do representante do seu curador legalmente establecido, na cantidade de 50.000 euros polos danos morais causados.
O tribunal provincial ditará sentenza nos termos acordados polas partes e esta será firme sen que caiba a interposición de recurso algún.
Relacionadas:
-
Un ano xudicial marcado polo triplo crime de Valga, os clans do Vao e os delitos sexuais
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía pide máis de 21 anos de cárcere para un home por agredir sexualmente a tres menores
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía rebaixa a 7 anos de cárcere a petición de condena para un mozo acusado de violación
Por Oskar Viéitez |