O alumnado do campus de Pontevedra aínda non conta con atención psicopedagóxica
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Universidade de Vigo contaba cun Gabinete Psicopedagóxico, un servizo gratuíto, confidencial e aberto a toda a comunidade universitaria que ofrecía atención personalizada nos ámbitos educativo, profesional e persoal, e abordaba temas como a autoestima, os hábitos de estudo e as dificultades propias de cada quen co obxectivo de axudar no desenvolvemento integral das e dos usuarios.
A anterior adxudicataria deste Gabinete Psicopedagóxico finalizou a súa actividade o pasado mes de setembro, unha vez acabada a súa relación coa Universidade, que decidiu non prorrogarlles o contrato.
O reitorado puxera en marcha en xullo un novo concurso, onde se reducen as horas de atención, pero este quedou deserto en tres ocasións orixinando as protestas da comunidade universitaria.
O estudantado que máis emprega este servizo é o de primeiro e segundo curso de grao, que acude con problemas de autoestima e ansiedade que ocasionan un rendemento pouco axeitado de estudo. Ademais, o gabinete realízaba un seguimento individual no que se informaba dos plans de estudo máis axeitados e se ofrecían pautas para cada tipo de problema.
Para recuperar este servizo de apoio psicopedagóxico a Universidade de Vigo asinou un contrato co Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.
Segundo informou a vicerreitora de Benestar, Equidade e Universidade, María Isabel Doval, este pasado venres 15 de decembro rematou o prazo para a inscrición de profesionais colexiados que, posteriormente, serán seleccionados polo organismo. A partir do 22 de decembro, os usuarios serán transferidos dende a Universidade de Vigo ao Colexio de Psicólogos de Galicia, responsable de asignar un profesional a cada caso, a súa comunicación e atención.
De este modo, comezarase a chamar aos casos urxentes na última semana de decembro do 2023 e non en novembro como se comprometeu o reitor, Manuel Reigosa, que lembrou que este servizo ten carácter gratuíto para os alumnos, tras solicitalo á Unidade de Atención ao Estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo.