Furta 500 euros mentres "hace cola" para comprar lotaría
Por Anxo Lourido
Axentes da Comisaría Provincial de Pontevedra procederon á detención dunha muller de 55 anos de idade, veciña de Pontevedra e natural de Brasil, como presunta autora dun delito de furto tras ser identificada como a responsable da subtracción dunha carteira na administración de lotaría da rúa Michelena.
Os feitos remóntanse ao 30 de decembro cando un home se encontraba comprando lotaría no establecemento situado xunto ás actuais instalacións do Concello pontevedres. Os axentes, tras a denuncia do cliente ante a Policía Nacional, revisaron as imaxes das cámaras do local nas que se podía observar como unha muller que se atopaba na cola do establecemento da lotería era a que levaba a carteira aproveitando un despiste do cliente.
Segundo a responsable da administración, tratábase de "una señora que estaba comprando, vio la ocasión, se la cogió y se la llevó". A muller mostrábase nerviosa e no vídeo comprobábase como estaba pendente da vítima mentres apoiaba a carteira no mostrador do despacho de lotaría
No interior da carteira, segundo fontes policiais, o home levaba 500 euros en efectivo, ademais de documentación e tarxetas. Despois de presentar a denuncia, os axentes comezaron a investigación para intentar localizar a autora do furto, que conta con antecedentes policiais. O 4 de febreiro, nas inmediacións da rúa Michelena, os funcionarios policiais localizaron a muller, que recoñeceu os feitos e manifestou aos axentes de xeito espontáneo o seu arrepentimento polo acontecido.