A plataforma social Vía Galega conmemora no Teatro Principal o aniversario da estrea do himno galego
Por Redacción
O vindeiro mércores, 20 de decembro, Pontevedra acollerá un dos actos previstos pola plataforma social Vía Galega, co gallo de conmemorar o aniversario da estrea do himno galego.
O Teatro Principal da cidade é o espazo escollido para tal fin, sendo o Grupo Maravallada a agrupación escollida para a actuación, ás 20.00 horas.
"O próximo 20 de decembro de 2023, vanse cumprir 116 anos que no Gran Teatro da Habana se interpretaba por primeira vez, solemnemente, o himno nacional galego. Este fito histórico, tan relevante, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura pola importancia que o himno, como símbolo nacional, ten para fortalecer a nosa autoestima e para cohesionarnos colectivamente. O himno galego identifícanos e representanos como nación. Como símbolo nacional amosa a nosa vontade de ser e existir como pobo, ao tempo que reclama o dereito a sermos libres", explican desde a plataforma.
Para conmemorar está efeméride e "reclamar a restauración do texto do himno conforme ao texto orixinal", creado por Eduardo Pondal, a plataforma fai un chamamento a participar nos actos que se desenvolverán o 20 de decembro, ás 20h, en diferentes localidades galegas, entre elas, Compostela, A Coruña, Lugo, Ferrol, Arzúa, Vigo, Ourense e, claro, Pontevedra.