VÍDEO.- O castañeiro Paco Pazos márcase un orixinal baile para anunciar o lanzamento do seu libro
Por Mónica Patxot & María José Pita
Dende hai máis de 40 anos coñecémolo polo seu oficio de castañeiro, que aprendeu de seu pai, o recordado Valentín Pazos.
Agora, Francisco Pazos (Pontevedra, 1967), o castañeiro da pontevedresa Glorieta de Compostela, engade unha nova faceta ao seu haber, a de escritor.
Este próximo xoves 21 de decembro, ás 19:30 horas, presenta na librería Metáfora (Travesía Charino, 9, Pontevedra) o seu libro "O príncipe das castañas. 40 anos na rúa", publicado por Ézaro Ediciones.
Neste acto, de entrada libre ata completar capacidade, estará acompañado do artista e escritor Antón Sobral, e todos os asistentes serán obsequiados cunha degustación das súas castañas.
Asegura que a historia que relata é a dunha vida de loita, pero sempre cargada de bo humor. Por iso, quixo compartir cos lectores de PontevedraViva o divertido vídeo que acompaña a estas liñas, no que non dubida en marcarse un 'moonwalk', o paso de baile cara atrás que inmortalizó Michael Jackson.
HISTORIA DE SUPERACIÓN
"Sabías que había un neno de dez anos observándote mentres ti pasabas?". Con esta pregunta, Paco Pazos fai un chamamento ao lector. O coñecido como "príncipe das castañas" afirma que "levo 40 anos observando todo o que me rodea", e este libro xorde froito de reflexionar sobre a súa contorna e as súas vivencias.
"Conto mil experiencias en carne viva, que son un exemplo para un verse reflectido e ver como se pode superar calquera obstáculo". Unha historia de superación que mostra a "maneira de como, na selva da cidade, eu estaba desvalido; e xorde a partir de buscar un asidero para poder estar firme na vida".
Pazos non renega de momentos escuros da súa vida, como a súa pasada adicción ao alcol. E de como "o atletismo me liberou do alcoholismo". Precisamente, esta última fin de semana lograba o segundo posto na súa categoría no XLVI Trofeo de Campo a través celebrado en Oia.
Un texto cheo de verdade co que quere, insiste, deixar un mundo mellor. "Detrás de min non hai relevo xeracional, pois a miña filla Ararat estuda Bioloxía na universidade e non quero que desapareza todo este tesouro que vivín, por iso decidín plasmalo nun libro que á vez espero que sexa o primeiro alento que tome o mundo no cambio que desexo provocar", sinala o castañeiro.
A tempada de castañas finalizará en apenas dez días. A partir de aí, Paco Pazos retomará o seu traballo no sector náutico e a súa práctica deportiva en carreiras de media distancia por Galicia, tras a súa recente fichaxe pola SD Compostela Atletismo.