O misterioso coche de Laño que revolucionou a todo Samieira
Por Natalia Puga
A misteriosa aparición dun coche na area no medio da praia de Laño, na parroquia de Samieira, mantivo durante a tarde deste martes á Policía Local de Poio e os veciños de Samieira cheos de curiosidade.
O turismo apareceu sen ninguén no seu interior e non lle atopaban explicación, ata que apareceu a propietaria, unha veciña de Sanxenxo, e explicou que o estacionou nas proximidades da praia e foi dar un paseo.
A hipótese que máis forza cobra, dada esta explicación, é que o freo se soltou e o vehículo moveuse só e acabou na area.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, recibiron aviso da presenza do vehículo na praia sobre as cinco da tarde e unha patrulla dirixiuse ao lugar.
Os axentes comprobaron que o turismo estaba pechado e co freo de man posto e que non había ninguén no interior, de modo que empezaron coas xestións para tentar localizar á propietaria.
A Policía Local tamén comprobou que o turismo presenta un pequeno golpe e que aparentemente podería saír da praia sen problema.
Os policías manexaban distintas hipóteses sobre as causas deste rechamante incidente ata que apareceu a propietaria e resolveuse o misterio. Unha vez resolto, un guindastre retirou o coche da praia.