Denuncian verteduras de aceites no parque eólico Monte do Ceo
Por Oskar Viéitez
A Asociación Portalén denuncia as verteduras de aceites e outros materiais contaminantes na zona onde se produciu o accidente do aeroxerador no parque eólico Monte do Ceo, no concello da Lama desde o pasado 18 de outubro.
Segundo informa este colectivo, a empresa propietaria é filial de Eléctrica do Moscoso e non implementou medidas para impedir que continúe derramándose o aceite sobre o nacente de auga da conca do río Oitavén, nunha zona gandeira, onde os animais pastan en extensivo, "con posibles consecuencias na saúde animal e dos veciños".
Así mesmo Portalén insta a esclarecer se o aeroxerador caeu accidentalmente ou foi abandonado na ladeira do Monte do Ceo, "sen aplicar as medidas de seguridade obrigatorias, sen máis que unha sinalización perimetral que actualmente os animais poden traspasar".
Por outra banda esta asociación anunciou que vai solicitar a Augas de Galicia que inspeccione a posible afección aos mananciais da zona.