Ciencias Sociais estuda fórmulas para recuperar o diálogo entre políticos e cidadáns
Por Anxo Lourido
'O novo diálogo social na comunicación co cidadán' é o título baixo o que se desenvolve, durante este xoves e venres, a décimo quinta edición do Foro Universitario de Investigación en Comunicación que acolle a Facultade de Ciencias Sociais do campus pontevedrés. A presentación destas xornadas correu a cargo do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e do alcalde en funcións de Pontevedra, Antón Louro.
O representante do Concello pontevedrés dirixiuse aos estudantes e profesores presentes no salón de actos para sinalar que Pontevedra é unha cidade peonil cuxo sinal de identidade é recuperar os espazos públicos para o cidadán e apuntou que se trata de "un lugar propicio para reflexionar". Engadiu, ademais, que este Foro serve "para desarrollar debates profundos en tiempos en que la comunicación es más necesaria que nunca" e fixo referencia a que "muchos de nuestros problemas se deben a la falta de diálogo".
Juan Benavides, director do Foro Complutense de Comunicación, incidiu no problema que se detecta de distanciamento entre os cidadáns e o mundo corporativo, institucional e empresarial. E neste sentido, invitou a que os asistentes a esta cita reflexionen sobre como recuperar o dialogo social ou como mellorar a conexión entre a política e a cidadanía. Segundo expuxo "hay problemas de planificación, de estrategia de comunicación". O director do Foro Complutense comentou que "¡Qué limpia tenéis la ciudad!".
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, pechou o acto inaugural sinalando que "hay tanta información que la ceguera es absoluta porque estamos asombrandos y no vemos nada". Nese sentido, indicou que en "un momento de dificultades tremendas debemos estar atentos a las soluciones y herramientas comunicativas para ponerse en la piel de otro".
Ao longo destes dous días, o Foro centrarase en temas de actualidade vinculados co Periodismo, a Comunicación Audiovisual e a Publicidade, co obxectivo de que se analicen e debatan as principais liñas de investigación desenvolvidas nestes ámbitos.