O PSOE presenta as súas emendas ao orzamento municipal: "Mentres haxa tempo imos estar abertos ao diálogo"
Por Redacción
O Partido Socialista de Pontevedra presentou este venres as súas emendas ao orzamento municipal, apelando "á xenerosidade, o sentido común e o talante democrático" do BNG para lograr unhas contas consensuadas.
"Mentres haxa tempo, e haino ata o pleno do 29 de decembro, imos estar abertos ao diálogo e á negociación", defendeu o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes.
Trátase asegura dun documento de emendas que "son moi diferentes ás rexistradas polo PP, que segue instalado no non e na política de destrución".
O grupo municipal do PSOE sintetizou nunha serie de propostas a incluír no orzamento para o ano 2024: "Propostas que supoñen un investimento total de 6.605.641,47 euros e que buscan mellorar a calidade de vida dos veciños de Pontevedra, dar resposta ás súas necesidades máis básicas e atender algunha das principais e maioritarias reivindicacións da cidadanía durante os últimos tempos", afirmou Puentes.
Os puntos reclamados polo PSOE Pontevedra para apoiar os próximos orzamentos municipais son:
1- Incorporar 32.000 euros á contratación dun auxiliar administrativo para a área de Benestar Social como reforzo á atención do Servizo de Axuda no Hogar (SAF).
2- A xeración dunha nova partida de 645.150 euros para implantar a primeira anualidade da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello.
3- Que se duplique o importe destinado na actualidade aos traballos de mantemento dos colexios públicos de Ensino Infantil e Primario chegando aos 400.000 euros anuais.
4- Unha nova partida de 550.00 euros para a redacción de proxectos de execución material da estratexia de renaturalización e recuperación das marxes do río Lérez 'Pontevedra Flúe'.
5- Habilitar 250.000 euros para estudos e proxectos técnicos de mobilidade urbana, con especial atención á redacción do plan de execución material do proxecto para 'revivir' Raíña Vitoria que transformaría a avenida nunha rúa de plataforma única con preferencia peonil e paso restrinxido de vehículos con apertura dos Xardíns de Vincenti a ela.
6- Actualización do pago de subvencións anuais (300.000 euros) á entidades deportivas, convocando en 2024 as axudas correspondentes ao período 2022-23 e 2023-24.
7- Outra nova partida de control de inundacións de 700.000 euros para crear un Sistema Urbano de Drenaxe Sostible (SUDS) que acabe cos desbordamentos no arroio de Valdecorvos e preveña as recorrentes inundacións que se producen na rúa Fernando Olmedo.
8- Incrementar a partida de obras en xardíns e zonas verdes en 870.000 euros para facer realidade as actuacións de reurbanización e axardinamento da fase I en Monte Porreiro e a renovación do chan da Alameda para acoller en mellores condicións a feira ambulante nesta localización, así como diversos eventos, ao longo do ano.
9- Achega municipal para proxectos financiados con fondos europeos Next Generation: recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do río Gafos e Vía Verde Pontevedra-Portas.
10- Incremento do 50% no orzamento anual (360.982,93 euros) do Contrato de Pequenas Obras de Reparación e Acondicionamento nas Vías Públicas Rurais de Pontevedra.