Un mando da Brilat, condenado a dous anos de prisión por acoso sexual a unha soldado
Por Natalia Puga
O Tribunal Militar Territorial da Coruña condenou a dous anos de prisión a un subtenente da Brigada Galicia VII, Brilat, como autor responsable dun delito consumado de abuso de autoridade na súa modalidade de acoso sexual por acosar a unha soldado durante meses, entre xuño e novembro de 2020.
A sentenza condenatoria tamén implica revogar o ascenso deste mando militar, pois ascendeu de brigada a subtenente durante a instrución desta causa, e terá prohibido comunicarse coa vítima e coa súa familia e parella -tamén militar-, durante cinco anos.
Ademais, en concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar á soldado con 50.000 euros polos danos que lle ocasionou, pois un informe médico conclúe que sufriu dano psíquico como consecuencia dese acoso e presenta un trastorno por estrés postraumático, con sintomatoloxía ansioso depresiva e estivo de baixa.
O acusado era superior da vítima e citábaa para para manter longas reunións nas que non se trataban asuntos do servizo, senón persoais. Segundo recolle a sentenza, mantiña longos silencios mirando á soldado de arriba abaixo, suspirando e movendo a cabeza de lado a lado. Preguntáballe se quería un abrazo, ao que ela sempre respondía que non, e el dicíalle frases como "tú lo que necesitas es un abrazo mío", "me gusta hablar contigo" oo "me pones nervioso".
O primeiro contacto físico produciuse en setembro de 2020. Durante unha reunión, despois de que ela dixese que non quería un abrazo, el pediulle que lle ensinase as mans, colleullas e acariñounas mentres dicía "qué rica eres". Ela retirou de maneira brusca e sentiuse "bloqueada e angustiada". Á mañá seguinte, repetiulle "qué rica eres".
En novembro, chamouna ao seu despacho para comentar un cambio de garda que ela necesitaba para ir a Madrid a realizar un exame e, visitar a un médico por unha cicatriz na cara, el púxolle a man na cara e acariñoulla dicíndolle "no se te nota nada, no necesitas nada, estás muy bien".
Días despois, insistiulle en que se quitase a máscara, ela negouse, el achegouse, abrazouna en contra da súa vontade e ela separouno. Xa antes do abrazo, ela percibira visualmente a erección do seu superior e, cando a abrazou, apertábaa con forza das nádegas cara a el, coa clara intención de que se decatase desa erección. El chebou a decirlle ese día "esto va a llegar hasta donde tú quieras, si quieres un abrazo será un abrazo, y si quieres algo más, habrá más". Ela dixo que era un simple abrazo.
Tras ese acontecemento, cando a chamou para unha nova reunión, o 23 de novembro, ela sufriu unha forte ansiedade, angustia e pánico, provocándolle un mareo, pois temía o que puidese pasar no despacho, tendo en cuenta que era horario de tarde e xa non hai ninguén na Unidade, salvo o persoal de garda. Ante tal situación, decidiu gravar a conversación co seu móbil.
Nesa reunión, volveu abrazala e díxolle frases como "¿te sientes incómoda si te llamo?", "¿y lo del abrazo te sentiste incómoda?", "hay abrazos y abrazos", "¿quieres un abrazo?", "me pones nervioso", "pues dame un abrazo de despedida", "esto no es muy decoroso", "a mí me llamas mucho", "a mí me atraes", "si yo te pido un abrazo y tú me lo das, yo encantado", "pues mi abrazo no es de amigo ¿eh?" ou "no te vayas".