Marín concederá a explotación das 72 hortas urbanas do Sequelo durante catro anos
Por Redacción
O Concello de Marín ultima o proceso para sacar a concurso as hortas urbanas ecolóxicas situadas no Sequelo. Hai 72 parcelas dispoñibles, que serán sorteadas entre as persoas interesadas, que poderán explotalas durante catro anos, ata finais de 2027.
O prazo de inscrición neste proceso abrirase entre os días 10 e 20 de xaneiro.
As 72 parcelas atópanse no entorno do Sequelo, nunha parcela situada na fachada posterior do pavillón de deportes.
Cada unha delas conta cunha extensión aproximada de entre 10 e 12 metros cadrados e están concebidas coma un sistema no que cultivar individualmente verduras, froitas e hortalizas, utilizando técnicas de agricultura ecolóxica, quedando prohibido o uso de elementos químicos.
O modelo das hortas urbanas, segundo a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, "é un exemplo de éxito total" porque contribúe a "coidar do medio ambiente, fomentar a participación cidadá ou apostar polo desenvolvemento sostible".
Calquera persoa empadroada en Marín pode optar á concesión da explotación dunha parcela, aínda que terán prioridade as persoas xubiladas ou pensionistas, persoas en paro sen prestación por desemprego, persoas con discapacidade ou con intolerancia química.
As persoas que actualmente xa explotan unha parcela, poderán solicitala de novo e, no caso de que volvan saír beneficiadas no sorteo, que se fará o 25 de xaneiro, daráselles a mesma que veñen traballando nos últimos catro anos.