O Concello de Marín sortea as 72 hortas urbanas do Sequelo
Por Redacción
As hortas urbanas do Sequelo volven ser un éxito entre a veciñanza. Recibíronse 76 solicitudes para as 72 parcelas dispoñibles, sendo moitas delas de persoas que xa explotaban algunha destas hortas e rexistrando 18 novas solicitudes.
Debido a estas catro peticións que superaban ao número de hortas ofertadas, a Concellaría de Medio Ambiente realizou este xoves un sorteo no Salón de Plenos do Concello entre aqueles núcleos familiares que tiñan máis dunha parcela pedida.
"O modelo das hortas urbanas é un exemplo de éxito total", asegurou a concelleira. "As persoas que resultaron beneficiarias dunha parcela nos últimos anos sempre resaltan os enormes beneficios que teñen para elas, ademais de que así coidamos do medio ambiente, fomentamos a participación cidadá, apostamos polo desenvolvemento sostible e promovemos a educación ambiental".
As persoas beneficiarias poderán acceder xa ás súas hortas, que desfrutarán ata o 2027, cando se realizará un novo sorteo. Nas próximas semanas, o Concello preparará unha actividade de educación ambiental para instruir ás persoas das hortas de como cultivar seguindo os criterios da agricultura ecolóxica e sostible.