Sen bebé nos hospitais de Pontevedra e O Salnés nas primeiras horas de 2024
Por Natalia Puga
A noticia máis agardada de cada 1 de xaneiro vaise demorar este 2024 en Pontevedra. O primeiro bebé do ano non naceu durante as primeiras horas deste luns e, en principio, non hai previsión de que se vaia producir ningún nacemento nos hospitais de Pontevedra e O Salnés.
Segundo a información oficial facilitada pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, durante a madrugada, e durante as primeiras horas do novo ano, a área de Partos do Hospital Provincial de Pontevedra non asistiu ningún nacemento, "nin ten previsión confirmada para as vindeiras horas" deste luns.
No distrito sanitario de O Salnés, nestas primeiras horas de 2024 tampouco se atendeu ningún alumeamento na área de Partos do Hospital do Salnés, "nin se ten previsión confirmada para as vindeiras horas".
En Galicia, o primeiro bebé do ano non se fixo agardar. O nacemento tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ás 00:00 horas e, tan só catro minutos despois, naceu no mesmo hospital a segunda pontevedresa de 2024.
O primeiro bebé foi Kyliam, que naceu cun peso de 3,420 quilos. A súa nai e o seu pai son unha parella primeiriza do Concello de Gondomar.
A segunda en nacer foi Cloe, ás 00:04 horas e cun peso de 2,905 quilos. É a segunda filla dunha parella do Concello de Salvaterra do Miño.
O terceiro nacemento de Galicia do ano foi Paula, ás 00:10 horas. A súa nai, Corina, deu a luz no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña e a bebé pesou 2,640 quilos.