O narcobuque 'MV Karar', vinculado a Santórum e apresado en pleno confinamento, adxudícase en poxa por 156.000 euros
Por Natalia Puga
O narcobuque 'MV Karar', intervido en abril de 2020, en pleno confinamento pola pandemia da covid-19 con 3.824 quilos de cocaína, e vinculado ao veciño de Vilanova Juan Carlos Santórum, foi poxado por 156.000 euros, moi por encima do seu valor de taxación.
Tal e como figura nun decreto emitido pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, este buque de servizo a plataformas mariñas adxudicouse por ese valor tras a realización dunha poxa en liña na que se superou amplamente o prezo de saída.
A Audiencia aprobou tamén os gastos de depósito, valoración pericial e comisión de intervención da entidade especializada achegados polo Colexio de Procuradores da Coruña, responsable da poxa, que ascenden a 21.804,20 euros, e que se descontarán do prezo do remate.
O buque saíu a poxa valorado en 96.200 euros tras ser incautado polo Xulgado de Instrución número 3 de Vigo no marco da causa xudicial aberta contra a rede investigada por este alixo de 3.824 quilos de cocaína colombiana.
O xulgado acordou o comiso e realización anticipada da embarcación a cargo do Colexio de Procuradores da Coruña. Tras sucesivas poxas, chegouse a eses 156.000 euros.
O alixo intervido a este buque está vinculado a unha organización relacionada con Juan Carlos Santórum, que nunca foi condenado por narcotráfico a pesar de levar décadas no punto de mira das Forzas de Seguridade.
A investigación comezara xa en 2019, pero o buque non se apresou ata 2020, con toda España sumida nun confinamento estrito, pero os narcos operando. O barco foi interceptado entre Lisboa e as Illas Cíes con nove tripulantes, todos procedentes de Nepal e Bangladesh excepto un galego, de Ribeira.
Nesta causa, a Fiscalía acusa a 29 persoas, entre elas Santórum, considerado o xefe. Conclúe que, como resultado das indagacións operativas do Grupo I de GRECO Galicia, do Corpo Nacional de Policía, puido coñecerse a actuación coordinada e estable, estruturada e especializada dunha organización dirixida por el co obxectivo de "dispoñer dunha pluralidade de embarcacións especificamente deseñadas e preparadas co fin de levar a cabo operacións de alixo de grandes cantidades de estupefacientes".
A rede que lidera, segundo a Fiscalía, acudía ao encontro de buques de transporte de cargamentos de cocaína en travesía atlántica transoceánica, para recibir e ocultar en terra a droga destinada á súa lucrativa comercialización no mercado ilícito.
Para Santórum a Fiscalía pide 18 anos de cárcere e para o resto dos acusados, 13 anos e medio.
Relacionadas:
-
A Fundación Galega Contra o Narcotráfico alerta do aumento da criminalidade derivada do tráfico de drogas
Por Redacción |
-
Detidas catro persoas en Vilagarcía por venda e distribución de droga
Por Oskar Viéitez |
-
Un grovense detido nunha operación contra o tráfico de persoas e drogas
Por Redacción |
-
A rede na que foi detido Santórum era "unha das máis potentes de distribución de cocaína do norte de España"
Por Natalia Puga |
-
Polo menos 7 detidos nunha nova operación antidroga, entre eles, Juan Carlos Santórum
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detido un cambadés nunha operación contra o narcotráfico
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Dan por desmantelada a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Seis anos e medio de prisión para dous gardas civís por filtrar arquivos confidenciais a narcos
Por Natalia Puga |
-
Compañeiros dos gardas civís acusados de 'chivatos' confirman que as filtracións terminaron coa súa detención
Por Natalia Puga |
-
Dous ex gardas civís irán a xuízo por ser 'topos' de narcotraficantes
Por Natalia Puga |