Sanidade fai oficial a obriga do uso de máscaras de protección en hospitais e centros sanitarios
Por Anxo Lourido
Este venres 12 de xaneiro de 2024, a Consellería de Sanidade publica no Diario Oficial de Galicia as medidas de prevención específicas como consecuencia da onda epidémica estacional de virus respiratorios, atendendo á Orde comunicada pola ministra de Sanidade que aproba a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública, tras o acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e que xerou polémica entre distintas comunidades sobre o uso de máscaras en espazos sanitarios e asistenciais.
Desta forma, as medidas asinadas polo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña establecen a obrigatoriedade do uso de máscara en centros sanitarios asistenciais, é dicir, en hospitais e centros de atención primaria.
Tamén indica que será obrigatorio o seu uso nas consultas de ámbito privado.
As excepcións a esta obrigación atópanse en persoas menores de seis anos; persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se agrave polo uso da máscara protectora, ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, careza de autonomía para quitar a máscara ou presente alteración da conduta que faga inviable o seu uso.
Tamén quedan excluídas as actividades nas que resulte incompatible o seu uso, conforme ás indicacións das autoridades sanitarias, en particular cando exista interacción verbal ou xestual que sexa importante no trato co paciente.
A Consellería de Sanidade recomenda o uso da máscara a todas aquelas persoas que presenten síntomas de infección respiratoria e tamén indica que se deben reducir o número de interaccións sociais #ante a presenza de síntomas de infección respiratoria aguda.
Tamén recomenda a súa utilización en centros residenciais de persoas vulnerables e en farmacias.
Do 1 ao 7 de xaneiro, segundo os datos da Consellería, en relación coa gripe rexistráronse en atención primaria unha taxa de consultas por esta enfermidade de 172 por 100.000 habitantes, un 21% inferior aos datos da semana anterior. A taxa de ingresos con gripe confirmada nesas datas é de 16,8 ingresos por 100.000 habitantes, un 7% menos que os datos da última semana de decembro.
En canto a covid-19, Sanidade indica que non existe unha situación de onda epidémica cunha taxa de consultas do 64,83 por 100.000 habitantes; mentres que en infección por virus respiratorio sincitial (VRS), que afecta sobre todo á poboación infantil, obsérvase tamén un descenso continuado.
Segundo indica a Xunta, Galicia está a experimentar un descenso das infeccións respiratorias agudas e, no caso da gripe, a comunidade atópase na primeira semana de descenso tras "aparentemente alcanzar o pico da onda", segundo queda reflectido no Diario Oficial de Galicia.
Relacionadas:
-
Unha trintena de pacientes reciben seguimento por covid persistente na área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción |
-
O conselleiro de Sanidade presume de resonancias magnéticas móbiles no Hospital do Salnés
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta amplía a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Desde Montecelo alertan de que se están sobrecargando as Urxencias por pacientes que acoden con enfermidades banais
Por Anxo Lourido |
-
Repunta de gripe A: "fixemos unha previsión de test de antíxenos para dúas semanas e duráronnos cinco días"
Por Mónica Patxot & María José Pita |