Unha trintena de pacientes reciben seguimento por covid persistente na área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción
A recente Asociación Galega de Covid Persistente (Asgacop) presentouse aos responsables do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Así, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e o responsable da Unidade Multidisciplinar Post-Covid, Adolfo Baloira, mantiveron este primeiro encontro coa presidenta e tesoureira deste colectivo, Isabel Quintana e Rita de Lago.
Este colectivo aúna a persoas afectadas pola covid-19 crónica, secuela da que aínda se ten escasa información.
Os encontros que veñen mantendo con responsables sanitarios son para difundir entre estes pacientes a súa existencia, solicitar que lles inclúa no Consello Asesor de Pacientes das respectivas áreas sanitarias e ofrecer a súa colaboración para realizar actividades formativas sobre covid persistente entre médicos de familia e de especialidades.
No caso do Complexo Hospitalario de Pontevedra, estes pacientes están a ser asistidos na Unidade Multidisciplinar Post-Covid. Actualmente están en seguimento entre 25 e 30 persoas. Dita unidade traballa en colaboración con Atención Primaria e especialidades de Neuroloxía, Psiquiatría, Psicoloxía Clínica e Cardioloxía.
Asgacop creouse o pasado xaneiro e conta con case medio centenar de socios, na súa maioría mulleres de Ourense, Lugo, A Coruña e Vigo. Este dato non é excepcional xa que o 80% das persoas afectadas son mulleres, de mediana idade, moi activas laboral e socialmente, previamente sas e pasaron a covid leve ou moderadamente.
Os síntomas máis habituais de covid persistente son fatiga, dificultade para respirar, tose persistente, dor de peito, dor de cabeza, muscular e articular, falta de memoria e dificultade para concentrarse e para durmir.
Relacionadas:
-
A incorporación de doce ecógrafos portátiles para Atención Primaria mellorará a lista de agarda
Por Redacción |
-
Sanidade fai oficial a obriga do uso de máscaras de protección en hospitais e centros sanitarios
Por Anxo Lourido |
-
Repunta de gripe A: "fixemos unha previsión de test de antíxenos para dúas semanas e duráronnos cinco días"
Por Mónica Patxot & María José Pita |