Pontevedra iza a bandeira de España no bicentenario da Policía Nacional
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
A Policía Nacional celebra este sábado 13 de xaneiro os seus 200 anos de historia, un fito histórico ao tratarse do corpo estatal máis antigo de todas as Forzas e Corpos de Seguridade de España.
Os actos para conmemorar o bicentenario arrincaron ás 12:00 horas co izado da bandeira de nacional en diferentes cidades de España, sendo en Pontevedra na escalinata da Subdelegación do Goberno.
Foi o primeiro acto oficial presidido polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que destacou o labor do corpo para cos cidadáns durante estes 200 anos "de entrega total aos españois e españolas".
Losada recoñeceu que "a pesar de que moitas das ameazas tradicionais contra as que loita a Policía perviven, como a delincuencia organizada, o terrorismo ou a criminalidade tradicional", día a día ofrecen resposta "con eficacia e proximidade na loita contra a violencia machista, os problemas derivados do cambio climático, ou a ciberdelincuencia".
Aproveitou para agradecer o traballo dos máis de 74.000 homes e mulleres da Policía Nacional, "piares fundamentais no que é a arquitectura democrática e constitucional de España á hora de preservar os dereitos e deberes dos cidadáns" durante estes dous séculos "de entrega total".
O subdelegado destacou ademais o "compromiso ético, para garantir a seguridade de todos e todas sen que caiba ningunha discriminación por razón de nacionalidade, raza, sexo, xénero ou orientación sexual" así como "a seguridade como un valor económico cada vez máis importante nun mundo cambiante no que as ameazas son cada vez máis cambiantes e globais".
Neste sentido, o subdelegado incidiu na aposta do Goberno por acompañar á Policía Nacional no camiño da modernización e por reforzalo, recuperando desde 2018 un total de 14.381 prazas nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o que constitúe a maior cifra de efectivos da historia.
Durante o acto, Abel Losada estivo acompañado polo comisario provincial, Juan José Díaz, que asegurou que a Policía Nacional "traballou incansablemente por e para os cidadáns, e fíxoo con entrega e eficacia ata converterse, por méritos propios, nunha institución sólida, útil e fiable" gañando "a lexitimidade social".
"Hoxe, como sempre", continuou, "é un día para renovar o noso compromiso con España. Hoxe, os policías nacionais vestímonos de gala para subliñar que levamos 200 anos contribuíndo de maneira decisiva á seguridade de España e reafirmarnos na nosa misión constitucional".
En canto á seguridade en Pontevedra, Díaz recoñeceu que "é unha cidade segura" que se atopa "por baixo da media nacional e de Galicia en índice de criminalidade".
Para finalizar este primeiro acto de celebración dos dous séculos de historia da Policía Nacional, realizouse unha homenaxe para honrar aos centenares de policía nacionais que perderon a vida mentres desenvolvían os seus labores. "188 foron asasinados polo terrorismo por defender os dereitos e liberdades en España. Sempre estarán no noso recordo", dixo o comisario.
Relacionadas:
-
Detectan unha "migración progresiva" das mafias da droga cara aos ciberdelitos por ser "altamente rendibles"
Por Alejandro Espiño |
-
Compromiso para impulsar a "cultura da defensa" en toda a provincia
Por Redacción |
-
A Subdelegación de Abel Losada, "un antídoto aos negacionismos e un altofalante para a política útil"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O izado público da bandeira abrirá o bicentenario da Policía Nacional en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O subdelegado do Goberno visita a Comisaría Provincial da Policía Nacional
Por Redacción |